Salón de Actos

As tres universidades galegas desenvolven o 26 de setembro na Facultade compostelá de Relacións Laborais a xornada ‘Universidade e empresa ante os retos preventivos’, formulada como un espazo pioneiro de encontro e reflexión entre elas e o tecido empresarial, coa prevención de riscos laborais como eixo vertebrador. O seu obxectivo central é fortalecer os vínculos entre o mundo académico e o laboral, poñendo o foco na necesidade de mellorar o coñecemento e a aplicación das distintas funcións e responsabilidades preventivas que establece a normativa vixente. O evento nace coa vontade de ter continuidade e celebrarse de maneira anual nos distintos campus galegos.
Contexto e relevancia
O contexto actual, marcado por transformacións profundas na organización do traballo e polo peso crecente da dixitalización e a sustentabilidade, reforza a importancia de crear lazos sólidos entre a formación académica e as dinámicas laborais reais. Alí a PRL configúrase non só como un cumprimento normativo, senón como un elemento estratéxico que impulsa culturas organizativas máis seguras, saudables e eficientes.
Con esta xornada búscase, en definitiva, tender pontes que acheguen o académico ao laboral, xerando sinerxías que fagan máis eficaz a xestión preventiva en Galicia. Trátase de avanzar cara a un modelo no que a universidade non só forme a futuros profesionais en prevención, senón que tamén participe activamente na orientación e actualización das contornas laborais, garantindo unha resposta axustada ás necesidades reais do tecido produtivo galego.
Na xornada participarán máximos responsables e persoal investigador das tres universidades organizadoras, así como persoal directivo e técnico de empresas especializadas en prevención, da Xunta de Galicia e de entidades científicas galegas.