Pasar al contenido principal

A USC entrégalle este venres o I Premio Luís Porteiro Garea ao profesor Manuel Bermejo Patiño

Manuel Bermejo Patiño, gañador do I Premio Luís Porteiro Garea
Manuel Bermejo Patiño, gañador do I Premio Luís Porteiro Garea

O reitor Juan Viaño entregaralle este venres 15 o Premio Luís Porteiro Garea de promoción e uso do galego ao profesor emérito Manuel Bermejo Patiño, catedrático de Química Inorgánica da USC, nunha cerimonia pública que terá lugar a partir das 12.00 no Paraninfo da Universidade (Facultade de Xeografía e Historia).

No acto, ademais do reitor e o premiado, participarán a vicerreitora de Servizos Universitarios do Campus de Lugo, Carme Silva; o director do Servizo de Normalización lingüística da USC, Manuel Núñez Singala; e o profesor da Facultade de Ciencias da Educación Vieito Silva Valdivia, que fará unha loa do premiado.

A data de entrega do premio, que lembra a figura do profesor da Cátedra de Dereito Civil e membro das Irmandades da Fala Luís Porteiro Garea, coincide co aniversario da primeira lección en galego da que se ten constancia e que fora pronunciada nese mesmo lugar o 16 de setembro de 1915 polo profesor Porteiro.

De carácter anual e convocado este ano por vez primeira, o recoñecemento pretende distinguir a iniciativa, o traballo ou a traxectoria de persoas, entidades ou colectivos da USC, tanto actuais como pasados, que contribúan á normalización da lingua galega na propia Universidade.

Nesta ocasión, o xurado decidiu por unanimidade concederllo ao profesor Bermejo polo seu compromiso coa lingua galega dende o inicio da súa carreira docente nos anos sesenta, “os seus esforzos para incorporala de xeito normal na docencia e na divulgación da ciencia, as súas publicacións en galego e as moitas que promoveu durante a súa etapa como director do Instituto de Ciencias da Educación”. O xurado tamén puxo en valor o “esforzo levado a cabo para estender o uso do galego dende os postos de alta responsabilidade que ocupou na propia USC e na CIUG” así como a pegada “que o seu compromiso deixou en miles de alumnos e alumnas, algúns deles hoxe docentes no ensino medio e na propia universidade”.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 14.09.2017.