Naturgy patrocina 18 bolsas do Mestrado en Enerxías Renovables da USC

A Universidade de Santiago de Compostela e Naturgy asinaron un convenio de colaboración para a concesión de 18 bolsas destinadas ao estudantado do mestrado en Enerxías renovables, cambio climático e desenvolvento sostible. O acordo presentouse hoxe nun encontro entre o reitor Antonio López e a delegada de Desenvolvemento Renovable de Naturgy en Galicia, María Landeira.
O convenio permitirá financiar a formación do estudantado que se matricule no mestrado neste curso 2025/26 e complete o seu itinerario académico no 2026/27. As becas teñen como obxectivo fomentar a formación especializada en enerxías renovables e apoiar a preparación de profesionais nun ámbito estratéxico para a transición enerxética e a sustentabilidade. A USC será a encargada de seleccionar as persoas beneficiarias, garantindo a igualdade de oportunidades e a excelencia académica.
Ademais do financiamento das bolsas, o convenio contempla a participación de Naturgy en actividades formativas ou divulgativas vinculadas ao mestrado, así como a colaboración en eventos nos que o estudantado poida entrar en contacto coa realidade do sector enerxético.
Con esta colaboración, avánzase no impulso de iniciativas conxuntas que contribúen ao desenvolvemento das enerxías limpas e ao progreso social e económico de Galicia.
