Pasar al contenido principal

Un estudo constata que nos últimos 20 anos o consumo de tabaco en España concentrouse máis na poboación con menos recursos

A redución da exposición ao fume ambiental do tabaco, a desnormalización do seu consumo, o activismo científico e cidadán ou as estratexias como hospitais ou praias sen fume foron algúns dos logros destes últimos 20 anos. FOTO: Santi Alvite
A redución da exposición ao fume ambiental do tabaco, a desnormalización do seu consumo, o activismo científico e cidadán ou as estratexias como hospitais ou praias sen fume foron algúns dos logros destes últimos 20 anos. FOTO: Santi Alvite
Unha monografía coordinada pola profesora da USC Mónica Pérez Ríos fai balance das dúas décadas de aplicación das medidas de prevención e control do tabaquismo
Santiago de Compostela

A monografía ‘20 años de aplicación de las medidas del Convenio Marco de la Organización Mundial de la Salud para la prevención y control del tabaquismo en España’ conclúe que as políticas postas en marcha dende a adhesión ao devandito Convenio lograron “unha importante redución da exposición ao fume ambiental do tabaco e desnormalización no seu consumo”, moi especialmente, a partir da súa prohibición en todos os lugares públicos e de traballo. Con todo, o documento reflicte grandes desigualdades no consumo desta substancia: a medida que se implementaron as políticas de control e aumentou a conciencia social sobre os seus riscos, “o seu consumo diminuíu nos sectores privilexiados e concentrouse máis nos grupos desfavorecidos, con menos recursos e menor acceso ás estratexias de prevención e abandono”. 

Elaborado polo grupo de traballo sobre tabaco da Sociedade Española de Epidemioloxía (SEE), que coordina a profesora da USC Mónica Pérez Ríos, o estudo deu soporte ao anteproxecto aprobado no Consello de Ministros o 9 de setembro polo que se modifica a Lei 28/2005 de medidas sanitarias fronte ao tabaquismo e reguladora da venda, o subministro, o consumo e a publicidade dos produtos do tabaco. No grupo tamén participan os profesores da USC Julia Rey Brandariz e Agustín Montes, ademais da doutoranda da área Carla Guerra Tort. 

A monografía fai balance dos 20 anos de aplicación das medidas de prevención e control do tabaquismo en España e establece que a prevalencia de persoas fumadoras non se reduciu tan rápido como se esperaba e tampouco se observou un maior incremento do abandono do consumo a partir de 2005. As desigualdades no consumo de tabaco tamén se reflicten no ámbito xeográfico. Dous estudos recentes analizaron as diferenzas rexionais nos patróns de consumo e de mortalidade en España, e mostran que as comunidades autónomas con menor PIB, como Estremadura e Andalucía, presentan historicamente unha maior prevalencia de consumo de tabaco e unha taxa de mortalidade atribuída ao consumo desta substancia máis alta na poboación masculina. 

Logros e retos 

A redución da exposición ao fume ambiental do tabaco, a desnormalización do seu consumo, o activismo científico e cidadán ou as estratexias como hospitais ou praias sen fume foron algúns dos logros destes últimos 20 anos. Fronte a eles, explican dende o equipo investigador, hai retos que abordar como incrementar o descenso na prevalencia, as desigualdades, a publicidade encuberta en redes sociais, a popularización de novos produtos ou a influencia da industria tabaqueira nas políticas públicas.

A monografía foi presentada na XLIII Reunión da SEE que se desenvolveu a comezos de setembro en Las Palmas de Gran Canaria. Deron conta dos resultados obtidos a propia Mónica Pérez Ríos, pertencente á área de Medicina Preventiva e Saúde Pública da USC, e Iñaki Galán, do Centro Nacional de Epidemioloxía e profesor de Medicina Preventiva e Saúde Pública na Universidade Autónoma de Madrid, que tamén coordina o volume. A sesión estivo moderada pola presidenta da SEE, Maria João Forjaz, e contou coa apertura institucional de Pedro Gullón, director xeral de Saúde Pública e Equidade en Saúde do Ministerio de Sanidade. 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 23.09.2025.