Pasar al contenido principal

O ciclo ‘Ciencia para novos investigadores’ comeza na Facultade de Ciencias coa visita de alumnado do IES Ollos Grandes de Lugo

Alumnado e docentes do IES Nosa Señora dos Ollos Grandes e profesorado da USC, no edificio de laboratorios da Facultade de Ciencias de Lugo
Alumnado e docentes do IES Nosa Señora dos Ollos Grandes e profesorado da USC, no edificio de laboratorios da Facultade de Ciencias de Lugo
Uns 485 estudantes de ensino medio de 14 centros da provincia de Lugo coñecerán a través deste programa a oferta de estudos e de I+D da Facultade de Ciencias da USC

Un grupo de estudantes do IES Nosa Señora dos Ollos Grandes de Lugo abre este xoves a primeira quenda de visitas da nova edición do ciclo ‘Ciencia para novos investigadores’, un programa de estímulo de vocacións científicas entre o estudantado de ensino medio impulsado polo persoal da Facultade de Ciencias do Campus Terra da USC coa pretensión de achegar a súa oferta de estudos de grao e as posibilidades de investigación que deparan aos futuros universitarios. A primeira quenda de visitas desde programa, no que se agarda a participación de 485 estudantes, prolongarase desde hoxe ata o 23 de xaneiro, agás o venres 18, mentres que a segunda desenvolverase do 20 ao 23 de maio de 2019.

As sesións programadas ao abeiro deste ciclo manteñen unha estrutura similar e desenvolveranse en quenda de mañá, de 10.00 a 13.30 horas. Así, logo dun breve acto de benvida guiado polo decano deste centro universitario lugués, Francisco Fraga López, e no que tamén intervirán os coordinadores das titulacións de grao impartidas na facultade (Enxeñería de Procesos Químicos Industriais e Nutrición Humana e Dietética), distintos profesores e persoal de servizos da Facultade de Ciencias conducirán sesións prácticas nos laboratorios, onde os estudantes preuniversitarios poderán realizar os seus propios experimentos.

Ao longo deste mes de xaneiro participarán neste ciclo orientado a estimular vocacións científicas entre alumnado preuniversitario estudantes de ensino secundario do IES Ánxel Fole, IES Sanxillao, IES A Pinguela de Monforte, IES Gregorio Fernández de Sarria, CPI Ramón Piñeiro de Láncara, Colexio San José, CPI de Castroverde, Colexio Padres Franciscanos, IES Xoán Montes, Colexio Divino Maestro e Colexio Maristas-A Inmaculada de Lugo. Xa en maio, está previsto que entre os días 20 e 23 visiten a Facultade de Ciencias ao abeiro do ciclo ‘Ciencia para xoves investigadores’ estudantes do Colexio María Auxiliadora e do IES Lucus Augusti de Lugo.

En total, agárdase que uns 485 estudantes de ensino secundario que están a cursar estudos en 14 centros educativos da provincia de Lugo coñezan a oferta formativa e as posibilidades de investigación que depara a Facultade de Ciencias, ademais de ofrecerlles a posibilidade de desenvolver sesións prácticas nos seus laboratorios de I+D+i.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 10.01.2019.