Pasar al contenido principal

Nace o programa USC Emprende para acompañar e asesorar a comunidade emprendedora de xeito integral

De esquerda a dereita, Luis Otero, José Alberto Díaz de Castro, Antonio López Díaz, Marta Mariño e José Luis Villaverde. FOTO: Santi Alvite
De esquerda a dereita, Luis Otero, José Alberto Díaz de Castro, Antonio López Díaz, Marta Mariño e José Luis Villaverde. FOTO: Santi Alvite
A iniciativa comeza este curso académico cunha fase piloto na que participan seis centros da USC dos campus de Santiago e Lugo
Lugo, Santiago de Compostela

O novo programa USC Emprende, unha iniciativa da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento (AVTE) ten como propósito acompañar e asesorar a comunidade emprendedora dun xeito integral e ampliar así a cultura do emprendemento no seo da USC.  A iniciativa presentouse este xoves 25 nun acto que tivo lugar na Facultade de Ciencias da Comunicación. Presidido polo reitor da USC, Antonio López Díaz, interviñeron Luis Otero, delegado do reitor para a Transferencia do Coñecemento; Marta Mariño, directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social da Xunta de Galicia; e José Alberto Díez de Castro, secretario xeral de Universidades da Xunta de Galicia.

Na súa intervención para presentar USC Emprende, Luis Otero destacou entre os obxectivos do novo programa “facer da USC unha universidade referente en materia de emprendemento, cun modelo recoñecido como exemplo de éxito polo seu compromiso cos proxectos e ideas desde a súa orixe ata a súa consolidación” e anunciou que está previsto distinguir o talento emprendedor con “certificados, créditos e premios”. USC Emprende conta cunha plataforma de xestión que facilita a coordinación e o seguimento individualizado dos proxectos, automatizando procesos e mellorando a comunicación entre os equipos implicados.

Espazos Emprende

O programa comeza este curso académico 2025-2026 cunha fase piloto de lanzamento na que participan seis centros da USC, construíndo así unha experiencia que será escalable e ampliable a outros centros no futuro. Na fase de lanzamento participan no campus de Santiago, Filoloxía, Ciencias Económicas e Empresariais, a Escola Técnica Superior de Enxeñaría e Ciencias da Educación. No campus de Lugo, forman parte do programa a Facultade de Administración e Dirección de Empresas e a Escola Politécnica Superior de Enxeñaría.

Cada centro participante conta cun Espazo Emprende, pensados no seu conxunto como dinámicos ecosistemas de innovación para impulsar o espírito emprendedor, a creatividade e a cultura emprendedora ao longo de todo o curso académico. Están concibidos e deseñados como espazos de coworking e ideación, flexibles e modernos, orientados á colaboración e equipados con mobiliario e dotación tecnolóxica de última xeración, creando unha contorna amigable e inspiradora para sesións de formación, brain storming, talleres e actividades de prototipado.

En definitiva, esta iniciativa da AVTE pretende que o emprendemento sexa unha actitude vital e optimista, que penetre de xeito transversal no tecido da USC, como motor para a posta en valor de ideas innovadoras e a súa transferencia para incentivar as expectativas de éxito do emprendemento e para que sexa percibido con orgullo pola comunidade universitaria.

No acto tamén interveu José Luis Villaverde, director da AVTE, co relatorio 'A transferencia de coñecemento na USC', seguido da mesa redonda 'Ecosistema de apoio ao emprendemento universitario', na que participaron Carmen Pumariño, directora de Zubi Capital Diversity Catalyst FCRE e directiva de Startup Galicia; Mª Inmaculada López, directora de CompluEmprende da Universidad Complutense de Madrid; Inmaculada Rodríguez, directora xeral de Unirisco; e Carme Casado, responsable do Departamento de Promoción Económica e do Proxecto de Planificación Estratéxica da Axenda Urbana 2030 do Concello de Santiago.
 

Asistentes ao acto. FOTO: Santi Alvite
Asistentes ao acto. FOTO: Santi Alvite
Los contenidos de esta página se actualizaron el 26.09.2025.