Pasar al contenido principal

A creatividade, o debate e a reflexión mantéñense perennes no Outono Cultural da USC

Ata o 31 de outubro, na Igrexa da Universidade, pode verse a mostra ‘Abuso’ con pinturas de Amabel Míguez de la Sierra. FOTO: Santi Alvite
Ata o 31 de outubro, na Igrexa da Universidade, pode verse a mostra ‘Abuso’ con pinturas de Amabel Míguez de la Sierra. FOTO: Santi Alvite
Música, teatro, danza, mostras, faladoiros, cursos ou propostas audiovisuais integran a programación da Universidade de Santiago de Compostela para o que resta de 2025
Lugo, Santiago de Compostela

A USC bota a andar unha nova edición do seu Outono Cultural cunha ampla programación que abrangue música, teatro, danza, mostras, faladoiros, cursos ou propostas audiovisuais, entre outros contidos. A oferta de actividades diríxese ao estudantado da USC pero tamén están abertas ao conxunto da cidadanía.

Música 

Así, o 1 de outubro, ás 21.00 horas, o público poderá coñecer de preto a traxectoria de Hugo Guezeta a través dun concreto falado, nunha sesión conducida por Rodri Míguez. O 2 de outubro, tamén ás 21.00 horas, será a quenda de Alana, que combinará conversa e música en vivo para amosar o seu universo creativo. Ambas as actuacións ademais de pertencer ao Outono Cultural da USC, desenvólvense no seo da iniciativa ‘Mover os marcos’, promovida pola Deputación da Coruña en colaboración co Concello de Santiago e a Universidade de Santiago de Compostela e xestionado por Culturactiva S. Coop., que integra, entre outros aspectos, conversas, música e espectáculos en directo. A programación musical en Compostela completarase con Boyanka Kostova o 22 de outubro, 9Louro o 20 de novembro e coa Orquestra e Coro da USC, o 14 de decembro, no xa tradicional concerto de Nadal. No Campus de Lugo a música chegará novamente da man de Hugo Guezeta o 20 de novembro, dentro do ciclo Lubicán. Músicas a carón da Mosqueira traerá consigo as actuacións de Mühlfeld Trio (24 de novembro) e de Jouska String Quartet (1 de decembro).

Mostras

Ata o 30 de setembro, pode visitarse no Colexio de Fonseca a exposición 'Mentindo con mestría. Montaxes fotográficas de Augusto Pacheco (1948-1973)' e, ata o 31 de outubro na Igrexa da Universidade, a mostra ‘Abuso’ con pinturas de Amabel Míguez de la Sierra. Ademais, neste Outono Cultural inauguraranse mostras sobre a figura de Fernando Calvet, ficcións especulativas, as primeiras profesoras da Universidade Complutense de Madrid, o vínculo entre Lorca e Galicia, as obras do XXXI Maratón Fotográfico da USC, así como as do certame Xuventude Crea nas súas modalidades de moda e deseño de xoias, e de artes plásticas e fotografía. A listaxe de exposicións completarse co tributo á figura de Alfredo Brañas con motivo do 125 aniversario do seu pasamento.

Fotografía, audiovisual, teatro e faladoiros

O Campus de Lugo será o escenario que acolla os encontros fotográficos con Bandia Ribeira Cendán e Lúa Ribeira. Ademais, no capítulo audiovisual, o campus lucense continuará albergando un ano máis as Sesións de Filmoteca do Club Valle-Inclán, e no eido da palabra, os faladoiros que o colectivo Proxéctate en Galego impulsa na cafetaría da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría baixo o lema ‘Encontros de Lúa Chea’. Esta actividade súmase ao Microaberto que ten lugar na Facultade de Administración e Dirección de Empresas. No ámbito da escena, está previsto que o 10 de decembro se estree en Compostela a última produción da Aula de Teatro da USC.

El Barroquista e Sara Rubayo realizarán a gravación en directo dun podcast no Outono Cultural o xoves 6 de novembro, ás 20.30 horas, na Igrexa da Universidade. Miguel Ángel Cajigal Vera, alias 'El Barroquista', é historiador da arte e a arquitectura e divulgador cultural. Sara Rubayo, tamén coñecida como 'La gata verde', é historiadora da arte e divulgadora cultural. As entradas poderanse recoller de balde o mesmo día da gravación.

Formación e certames

O Outono Cultural abarcará tamén actividades formativas en materia de teatro, diversas modalidades de danza, pandeireta, fotografía, voz e movemento, ou fanzines e autoedición, entre outros. Ademais, lanzaranse diversas convocatorias como o terceiro Certame de Grupos Musicais, o cuarto Certame Paisaxe Sonora, o sétimo Certame de Videocreación, o trixésimo primeiro Maratón Fotográfico, as axudas a proxectos de dinamización fisicodeportiva e cultural impulsados polos centros da USC pero tamén polo propio estudantado, e as axudas á creación e aos proxectos de agrupacións teatrais e de danza da USC.

Faíscas

Finalmente, neste Outono Cultural prenderá unha nova vaga de Faíscas Culturais, unha iniciativa que dende o ano 2022, pon en marcha pequenas intervencións pedagóxicas coas que se pretende conectar a acción cultural da Universidade de Santiago de Compostela cos contidos que o estudantado adquire nas aulas. O obxectivo desta iniciativa consiste en fomentar a reflexión crítica tomando a cultura como punto de ancoraxe. 
 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 26.09.2025.