Pasar al contenido principal

As xornadas #BenVidaUSC baixan o pano coas visitas didácticas ao Observatorio Astronómico Ramón María Aller

O centro, que conserva en perfecto estado de uso o refractor centenario de Ramón María Aller, mestura  instrumental histórico con recentes adquisicións de telescopios e receptores. FOTO: Santi Alvite
O centro, que conserva en perfecto estado de uso o refractor centenario de Ramón María Aller, mestura instrumental histórico con recentes adquisicións de telescopios e receptores. FOTO: Santi Alvite
Esta actividade é unha mostra máis de como o Observatorio se está consolidando como centro de interpretación do Cosmos
Santiago de Compostela

As visitas didácticas ao Observatorio Astronómico Ramón María Aller servirán de colofón, do 29 de setembro ao 2 de outubro, para as xornadas #BenVidaUSC. O alto número de persoas inscritas nesta actividade organizada pola Vicerreitoría de Estudantes e Cultura no marco das xornadas para dar a benvida ao estudantado, foi tan elevado que se optou por ampliar o número de días ofertados. No caso de que as condicións meteorolóxicas non acompañen, haberá unha segunda oportunidade  do  27 ao 30 do mes de outubro, coa fase lunar tamén en cuarto crecente.

Esta actividade é unha mostra máis de como o Observatorio se está consolidando como centro de interpretación do Cosmos. “A enorme cantidade de visitas didácticas, diúrnas e nocturnas, tanto de escolares como de distintos colectivos, foi medrando  considerablemente nos últimos anos e semella que vai ter continuidade no presente curso académico xa que só nos primeiros días de setembro se teñen recibido solicitudes dunha morea de centros educativos e asociacións veciñais, non só da contorna de Santiago”, explica o coordinador científico do Observatorio, José Ángel Docobo.

As persoas participantes, aparte de ter acceso ás distintas dependencias con continuas explicacións, reciben previamente unha presentación na biblioteca con información sobre a historia do Observatorio, as súas funcións, os logros acadados, as relacións internacionais, temas astronómicos de actualidade, ao tempo que se contestan multitude de preguntas sobre moi diversos temas relacionados coas ciencias do espazo e os propios telescopios. “Naturalmente o nivel das charlas axústase ás idades en cada caso”, matiza o profesor Docobo. Nas visitas nocturnas, obsérvanse diversos obxectos: a Lúa, planetas, estrelas dobres, nebulosas, ou cúmulos, entre outros, a través dos telescopios instalados  nas cúpulas ou mediante telescopios portátiles colocados no xardín.

Telescopio solar

O centro, que conserva en perfecto estado de uso o refractor centenario de Ramón María Aller, mestura  instrumental histórico con recentes adquisicións de telescopios e receptores. Xusto agora, o Observatorio está no proceso de incorporar un telescopio solar para observar con todo detalle, a través de pantalla, a actividade do Sol: a granulación da fotosfera, manchas, fáculas, ou protuberancias, por exemplo, preparándose axeitadamente para a observación das próximas  eclipses solares que se van producir nos anos 2026, 2027 e 2028. Esta nova adquisición está pensada así mesmo  para reforzar os recursos das visitas didáctica diúrnas.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 26.09.2025.