Pasar al contenido principal

O consorcio europeo DIGILARE reúne na súa conferencia final en Santiago especialistas destacados en dixitalización e Dereito de Traballo

A Conferencia final de Digilares desenvolveuse na Facultade de Dereito da USC. Foto: Santi Alvite
A Conferencia final de Digilares desenvolveuse na Facultade de Dereito da USC. Foto: Santi Alvite
Esta colaboración europea ten como obxectivo proporcionar unha análise comparada de como os sistemas nacionais de relacións laborais responden a nivel da empresa aos desafíos vinculados ao traballo dixital e á dixitalización das relacións laborais

O consorcio DIGILARE celebrou na Facultade de Dereito a súa conferencia final na que reflexionou sobre os retos e oportunidades da dixitalización e a transformación da representación dos/as traballadores/as. Ao longo de dúas xornadas de traballo, os membros do equipo de investigación presentaron as súas principais conclusións a preto dun cento de participantes de 18 países, baixo a dirección dos profesores José María Miranda Boto e Elisabeth Brameshuber. DIGILARE, consorcio europeo no que participa a USC e que co coordinada o profesor Miranda Boto, ten como obxectivo proporcionar unha análise comparada de como os sistemas nacionais de relacións laborais responden a nivel da empresa aos desafíos vinculados ao traballo dixital e á dixitalización das relacións laborais. Os resultados académicos publicaranse en 2026 en acceso aberto e o equipo presentará antes de final de ano un documento de orientación política á Comisión Europea, que se traducirá a doce linguas.

O programa inaugurouno o reitor da USC, Antonio López, quen destacou o compromiso da institución coa investigación e o diálogo sobre o futuro do traballo, xunto a quen tamén interveu, a través dunha gravación, Joaquín Pérez Rey, secretario de Estado de Traballo do Goberno de España, subliñando a importancia estratéxica destas discusións para a definición das políticas laborais nacionais e europeas. En opinión do co coordinador do proxecto, un momento clave do evento foi a participación de Lourdes Arastey, maxistrada do Tribunal de Xustiza da Unión Europea, quen pronunciou a conferencia de clausura cunha análise autorizada sobre o papel da xurisprudencia europea na configuración dos dereitos laborais na era dixital. A súa intervención puxo de manifesto a necesidade de marcos xurídicos coherentes para afrontar os retos da dixitalización.

A dimensión académica do encontro foi especialmente destacada, con contribucións de universidades de referencia en Europa, entre elas a propia USC e a Universidad Complutense de Madrid, Universidad Carlos III de Madrid, Universidad de Salamanca ou a Universidad de León, pero tamén pola participación de especialistas procedentes doutras institucións como a Universität Wien (Austria), Universität Kassel (Alemaña), Université Lyon 2 Lumière (Francia), Lunds universitet (Suecia), Maastricht University (Países Baixos), Pázmány Péter Katolikus Egyetem (Hungría), İstanbul Bilgi Üniversitesi (Turquía), Tartu Ülikool (Estonia), Università degli Studi di Cagliari e Università di Bari (Italia), Universidade do Minho (Portugal), Universitatea Babeș-Bolyai (Romanía), Uniwersytet Śląski w Katowicach (Polonia), Université du Luxembourg ou a University of Oxford (Reino Unido).

Tamén participaron representantes de órganos xudiciais e gobernamentais como a Cour de Cassation (Francia), o Tribunal Supremo (España) e o Arbeits- und Sozialgericht Wien (Austria), así como ministerios de Austria, Irlanda, Polonia e da República Checa. Os axentes sociais tiveron un papel central, con sindicatos como Solidarność (Polonia), Confédération française démocratique du travail, Services, Industrial, Professional and Technical Union of Ireland, Confederația Națională Sindicală Cartel Alfa (Romanía), Comisiones Obreras e Unión General de Trabajadoras y Trabajadores (España), e Industriegewerkschaft Metall (Alemaña), xunto con organizacións empresariais como Confederación de Empresarios de Galicia, Confindustria, Konfederacja Lewiatan e IBEC. Os axentes sociais austríacos tamén estiveron representados a través da Arbeiterkammer Wien, Microsoft Austria Works Council e Wirtschaftskammer Niederösterreich. Organizacións europeas como a Confederación Europea de Sindicatos, Eurocadres e o Comité Europeo de Dereitos Sociais enriqueceron o diálogo.

A conferencia contou co apoio financeiro da Comisión Europea no marco do programa SOCPL-2022-IND-REL-01 e da Xunta de Galicia a través da Consellaría de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional. A organización contou tamén coa colaboración do Consello Galego de Relacións Laborais e da Rede Empresa e Administración da Universidade de Santiago de Compostela. Este encontro final marcou a culminación do traballo de DIGILARE, reforzando a importancia da cooperación internacional e do diálogo cos axentes sociais para construír mercados laborais xustos e sostibles na era dixital.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 29.09.2025.