Filoloxía lembra os recoñecidos autores de zarzuela Soutullo e Vert

A Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela acolle o mércores 1 de outubro unha xornada dedicada aos recoñecidos autores de zarzuela, o gran último tándem de compositores do repertorio. A xornada busca pór en valor a actividade investigadora e os resultados que esta xera a través de diferentes actividades.
A xornada dará comezo ás 15.00 horas no Auditorio da Facultade cunha mesa redonda sobre a transferencia de coñecemento nas Ciencias Humanas na que participan María Felisa Rodríguez Pardo, integrante da Rede Galabra, e José Luis Villaverde, director da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento da USC.
Xa ás 18.00 horas, o decano da Facultade, Elias Feijó Torres, presentará a actividade centrada nos dous autores, dando paso primeiro a un relatorio a cargo de Marcos Amado Rodríguez e logo a un concerto de zarzuela coa soprano Livia Leal, o barítono Pablo Nieves e a pianista Carmen Bargiela.
O concerto está integrado por obras estreadas polo tándem de compositores no ano 1925, comezando cunha serie de números pertencentes ao sainete Encarna, la Misterio. A obra, con libreto de Fernando Luque (m. 1927) e Enrique Calonge (1878-1942), foi estreada no Teatro Apolo de Madrid o 8 de maio de 1925. É un sainete que trata sorprendentemente máis sobre Carlos, un mozo burgués, que sobre Encarna, sendo este o que pretende por tódolos medios conseguir a esa muller. No segundo acto, xa namorados os protagonistas, intentarán obter o permiso para casarse de Castora, a nai de Carlos, que é contraria ao enlace entre clases.
A obra foi un rotundo éxito na súa estrea, e musicólogos como Enrique Mejías sinálana como un precedente do sainete lírico moderno que se verá na década seguinte.