Pasar al contenido principal

Comezou en Santiago o congreso internacional ‘Camiño ás estrelas’

O Centro de Estudos Avanzados da USC acolle desde hoxe e ata o venres o congreso internacional ‘Road to the stars (Camiño ás estrelas), no que un centenar de investigadores en astronomía na cultura porán en común os resultados dos seus últimos estudos sobre a visión do ceo nas distintas culturas e sociedades desde a Prehistoria á actualidade.

O congreso está promovido pola Universidade de Santiago de Compostela a través do departamento de Historia I, polo Consello Superior de Investigacións Científicas a través do Instituto de Ciencias do Patrimonio e polo Instituto de Astrofísica de Canarias (IAC), consorcio público integrado pola AGE, a Administración Pública da Comunidade Autónoma de Canarias, a Universidade da Laguna e o CSIC. Conta coa colaboración e o patrocinio da Sociedade Europea de Astronomía na Cultura, a Sociedade Internacional de Arqueoastronomía e Astronomía na Cultura e as reunións ‘Inspiration of Astronomical Phaenomena’.

O encontro inaugurouse este luns nun acto no que pronunciou a conferencia de apertura o profesor de investigación do CSIC en Galicia e director do Incipit, Felipe Criado Boado. Intervirá tamén o investigador da USC Marco García Quintela co relatorio ‘O castro de Baroña como un dispositivo mediador entre as capas do mundo na cosmoloxía celta’.

Paralelamente, este luns ás 20:00 horas no claustro de Fonseca inaugurarase a exposición ‘ Road to the Stars’, que consta dunha serie de obras de arte relacionadas ou inspiradas no ceo e que permanecerá aberta ao público ata o venres 22 de setembro. Ademais, a NerdNite deste mércores será unha sesión monográfica sobre astronomía e o xoves pola noite, a partir das 21.00 horas, terá lugar unha observación astronómica na Cidade da Cultura a cargo do Observatorio Astronómico ‘Ramón María Aller’ da USC.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 18.09.2017.