Pasar al contenido principal

O XIII Congreso Español de Ciencia Política e da Administración comeza este mércores na USC

Na inauguración participan o reitor Juan Viaño e o presidente da Xunta de Galicia, Núñez Feijoo

A Universidade de Santiago e a Asociación Española de Ciencia Política e da Administración (AECPA) desenvolven esta semana en Compostela o XIII Congreso Español de Ciencia Política e da Administración. A conferencia inaugural pronunciaraa ás 12.30 horas a directora de investigación do Centro Nacional para a Investigación Científica de París, Catherine Wihtol de Wenden.

Esta recoñecida politóloga francesa centrou a súa investigación, durante máis de trinta anos, na migración internacional dende un enfoque de ciencia política e de dereito público. Estudou no Instituto de Estudos Políticos de París (Sciences Po) e na Universidade París 1 Panthéon-Sorbonne. Publicou vinte libros e máis de 150 artigos académicos. Foi ademais presidenta do Comité de Investigación Sociolóxica das Migracións da Asociación Internacional de Socioloxía (ISA) e colaborou como experta en varias organizacións internacionais como a OCDE, ACNUR, o Consello de Europa e a Comisión Europea. En 2014 foi nomeada Cabaleira da Lexión de Honra francesa.

Logo do relatorio de Wihtol terá lugar ás 13.15 horas o acto oficial de inauguración do congreso, no que participarán o reitor da USC, Juan Viaño, e o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo. Xunto a eles intervirán a presidenta do comité organizador do encontro, Nieves Lagares Diez; o presidente da AECPA, Joaquím Brugé Torruella; o presidente do Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS), Cristóbal Torres Albero; e o subdirector de Estudos e Investigación do Centro de Estudios Políticos e Constitucionais, Rafael Rubio Núñez.

Ata o venres reuniranse na Facultade compostelá máis de 60 grupos de traballo distribuídos en seis áreas especializadas. Baixo o lema ‘A fortaleza de Europa: valados e pontes’, no congreso participarán máis de cincocentos especialistas que presentarán un total de 630 relatorios en torno a cuestións como a xestión pública, o comportamento político, a teoría política, os estudos internacionais ou as institucións.

A AECPA ven celebrando o seu congreso bienal nas diferentes universidades españolas con estudos de Ciencia Política dende 1994. Nestes máis de vinte anos de percorrido, tense convertido no evento académico de Ciencia Política máis importante de España. O XIII Congreso será o segundo que se celebre en Santiago de Compostela, logo do de 1996 coincidindo coa conmemoración do V Centenario da USC.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 19.09.2017.