A Cátedra de Cultura Cubana Alejo Carpentier da USC reflexiona sobre a obra de Nicolás Guillén nun foro no Campus Terra
A Cátedra de Cultura Cubana Alejo Carpentier da USC, dirixida pola profesora de Literatura Hispánica e Hispanoamericana Ana Chouciño, organiza os días 20 e 21 de setembro na Facultade de Humanidades do Campus Terra da USC as xornadas ‘Nicolas Guillén y El son entero’, un foro conmemorativo do 80 aniversario do II Congreso Internacional de Escritores para a Defensa da Cultura, celebrado en Valencia en 1937 e que selou o compromiso de moitos poetas latinoamericanos coa II República e a súa repulsa emocional da Guerra Civil, e dos 70 anos da publicación de ‘El son entero’, obra clave da literatura hispanoamericana do século XX, na que Nicolás Guillén amosa de xeito singular a esencia da cultura cubana nas súas raíces española e africana.
O poeta Carlos Martí Brenes, da Unión de Escritores e Artistas de Cuba (Uneac) abrirá este mércores, ás 10.30 horas, no Salón de Graos da Facultade de Humanidades do Campus Terra da USC, a quenda de relatorios programados no marco deste de foro, cunha intervención que se desenvoverá baixo o título ‘¿Cómo se encuentra, maestro? ‘Up to day’. De seguido, Maryalys Perdomo, da Universidade de La Habana, ofrecerá o relatorio ‘El son entero, revisitacións e homenaxe, todo mesturado’. Stephen Silverstein, da Universidade de Baylor, pechará o programa matinal cunha exposición sobre Nicolás Guillén e as perspectivas do século XXI. O cantautor Alexis Díaz Pimienta guiará xa en quenda de tarde, a partir das 17.00 horas, o obradoiro de poesía ‘Guillén decimista. A improvisación poética’.
O profesor da Universidade de La Habana Rafael Acosta ofrecerá o xoves 21, ás 10.00 horas, o último relatorio da xornada ‘Nicolás Guillén y El son entero’, unha sesión que leva por título ‘ Ideas sobre o mar, intelectuais cubanos e a República española’. De seguido, todos os relatores convidados a participar nesta xornada literaria de marcado carácter conmemorativo, pero tamén orientada á realización dun labor esexético da obra de Nicolás Guillén e acaída para reflexionar sobre o cometido da poesía como canle privilexiada do rexistro de feitos históricos e sociais, participarán nunha táboa redonda sobre poesía e política. Unha mostra fotográfica sobre Nicolás Guillén, presentada por Rafael Acosta, servirá de colofón da xornada.