Pasar al contenido principal

O evento de divulgación científica para novos investigadores DivulgaTerra abre o seu período de inscrición ata o 20 de outubro

Logo do DivulgaTerra
Logo do DivulgaTerra
O acto terá lugar o vindeiro 9 de novembro na Casa do Saber do Campus Terra da USC

A segunda edición de DivulgaTerra, o evento de divulgación do traballo desenvolvido polos novos investigadores e investigadoras do Campus Terra da USC, e de promoción do uso do galego como lingua da comunicación e da divulgación científica, abre o seu período de inscrición ata o vindeiro 20 de outubro no enderezo web do Campus Terra.

Esta segunda edición aspira a acoller presentacións de dez minutos de duración abertas a calquera investigador ou investigadora do Campus que queira expoñer en galego e cun ton divulgativo o traballo de investigación que está levando a cabo. Tamén vai ser posible participar a través de pósters, que figurarán expostos nun espazo anexo a aquel en que se desenvolvan as presentacións, mentres estas teñan lugar.

Para participar en DivulgaTerra chega con estar realizando un traballo de fin de mestrado nalgunha das titulacións do Campus Terra; estar matriculado/da en programas de doutoramento do Campus Terra; estar elaborando a tese de doutoramento vinculada a algún dos programas antes citados; estar elaborando a tese de doutoramento baixo a dirección de profesorado do Campus Terra; estar gozando dalgunha modalidade de contrato ou bolsa posdoutoral; ou formar parte dalgún grupo de investigación vinculado ao Campus Terra da USC.

Como complemento á sesión de presentacións, e para axudar a preparala, o Servizo de Normalización Lingüística da USC no Campus Terra vai organizar na última semana de outubro unha sesión formativa gratuíta para as e os participantes. Na sesión, integrada por dous bloques, vaise tratar a planificación, deseño e redacción de diapositivas; así como a súa posta en escena. Quen desexe asistir a esta sesión formativa só ten que indicar no formulario de inscrición (pregunta 12) os módulos en que está interesado/da.

A participación en DivulgaTerra e a asistencia á sesión de formación van ser recoñecidas con cadanseu diploma, expedido polo Campus Terra e polo Servizo de Normalización Lingüística da USC. Esta segunda edición de DivulgaTerra celebrarase o vindeiro 9 de novembro na Casa do Saber do Campus Terra partir das 18.00 horas.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 19.09.2017.