Pasar al contenido principal

Últimos días para presentar propostas ao I Certame de Música Galega na USC

Cartel do certame
Cartel do certame
Alentar o talento mozo e e dinamizar a diversificación de usos sociais da lingua galega, entre os obxectivos da iniciativa

O I Certame de Música Galega da USC pechará este venres 22 o prazo para a presentación de propostas, que poderán ser de calquera xénero musical pero sempre en lingua galega. O seu obxectivo é promover a creatividade musical e dinamizar a diversificación de usos sociais da lingua galega entre a mocidade universitaria. É unha iniciativa organizada pola Facultade de Filoloxía en colaboración con Ciencias da Comunicación, Ciencias da Educación, Enfermaría, Xeografía e Historia e Ciencias Económicas e Empresariais co apoio do Servizo de Normalización Lingüística. A convocatoria contempla tres fases: un concurso, un festival e un obradoiro.

O certame premiará cancións compostas por formacións ou solistas de todos os xéneros musicais e estará dirixido a alumnado da USC con inquedanzas musicais e literarias. Os gañadores recibirán cadanseu diploma e premios de 1.000 (1º premio), 700 (2º) e 300 euros (3º premio).

Festival
As pezas musicais dos grupos finalistas do certame poderán escoitarse o 30 de outubro no teatro Principal de Santiago nun festival no que actuarán acompañados doutros grupos de traxectoria recoñecida na escena musical galega. O evento, no que se coñecerán os gañadores, conta coa colaboración do Concello de Santiago.

A iniciativa complétase cun obradoiro de Música Galega no que os grupos que actuaron como cabezas de cartel no festival asumirán a función de mentores, transmitindo a súa experiencia como músicos, letristas e compositores e orientando os integrantes das formacións nos inicios da súa carreira musical.

Aínda que o traballo de titorización se dirixirá de modo preferente aos premiados, está prevista a apertura desta xuntanza de traballo a todos os participantes no certame e ao estudantado da USC con inquedanzas musicais. O encontro terá lugar a comezos do mes de novembro en Ciencias da Comunicación, que conta con instalacións que permiten a gravación e reprodución musical.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 20.09.2017.