A entrega do Premio Grupo Compostela-Xunta de Galicia a Marcelino Oreja Aguirre clausura a XXIII Asemblea Xeral do Grupo Compostela de Universidades

O Grupo Compostela de Universidades (GCU) entregou o Premio Grupo Compostela-Xunta de Galicia a Marcelino Oreja Aguirre, impulsor da declaración do Camiño de Santiago como primeiro Itinerario Cultural Europeo, durante a xornada de clausura da súa vixésima terceira Asemblea Xeral, celebrada na noite deste martes na cidade húngara de Pécs.
Na cerimonia de entrega a vicerreitora de Internacionalización da Universidade de Santiago de Compostela, Almudena Hospido Quintana, falou en representación dos membros do xurado e sinalou que as verbas que pechan a Declaración de Santiago “cobran un gran sentido para aqueles que queren construir unha sociedade máis solidaria e inclusiva para os seus fillos e fillas”.
No seu discurso de agradecemento, Oreja Aguirre explicou que o seu interese por esta ruta de peregrinaxe xurdíu na universidade cando tivo que analizar a influencia do Camiño de Santiago nas relacións diplomáticas. Asegurou que como “servidor público continuaría traballando con entusiamo en favor do Camiño” e agradeceu o importante labor do GCU para achegalo ás persoas.
Tras entregar a medalla de ouro con forma de cuncha ao premiado, o presidente do Grupo Compostela de Universidades, Marek Kręglewski, resaltou que “a cuncha é un símbolo que une a Europa” e apuntou que o galardón servirá para recordar a Oreja Aguirre a súa participación na construción europea. Finalmente, revelou que a contribución económica do premio, de 6.000 euros, será concedida a Aldeas Infantiles SOS Galicia para que continúe apoiando a infancia, “pois eles serán os encargados de crear unha sociedade mellor asentada sobre os valores de solidariedade vencellados ao Camiño de Santiago”.
Xornadas académicas
Nos foros de debate programados varios expertos abordaron os diferentes retos aos que teñen que facer fronte as universidades na actualidade. Así, na mesa redonda da cuarta edición dos Diálogos Compostela analizáronse as múltiples dimensións das migracións e o papel das universidades, que deben adaptarse a esta nova realidade multicultural. Pola súa banda, na terceira edición do Compostela Café reflexionóuse sobre as diferentes aplicacións da tecnoloxía ás novas xeracións.
Nestas xornadas académicas celebradas na Universidade de Pécs participaron máis de 80 representantes internacionais de diversas institucións de educación superior. A universidade anfitrioa acolleu a vixésimo terceira asemblea do GCU no marco das celebracións do seu 650 aniversario.
Galardóns á investigación
A Asemblea Xeral de Pécs foi o escenario da entrega dos primeiros premios do Research Pitches Contest do Grupo Compostela de Universidades, uns galardóns que laurean aos tres investigadores das universidades membro que mellor souberon transmitir a través dun vídeo a relevancia e contribución social das súas investigacións.
Grupo Compostela de Universidades
O Grupo Compostela de Universidades é unha asociación internacional sen ánimo de lucro que traballa en prol da colaboración e promove o diálogo en todos os ámbitos da educación superior. O GCU comezou a súa andaina no ano 1994 e dende a súa creación, foi medrando ata unir ao seu camiño a máis de 60 universidades de todo o mundo. Todos os peregrinos do Grupo Compostela de Universidades comparten os valores de cooperación e integración desenvolvidos en torno ao Camiño a Santiago.
Foto de grupo de parte do CGU posando con Marcelino Oreja (Foto: József Hubay NNFoto)