Pasar al contenido principal

O Consello de Goberno aproba varias modificacións normativas para adecuarse ao escenario actual

A xuntanza desenvolveuse en San Xerome. Foto: Santi Alvite
A xuntanza desenvolveuse en San Xerome. Foto: Santi Alvite
O regulamento das Plataformas Científico-Tecnolóxicas ou o recoñecemento de equivalencia de estudos estranxeiros para o acceso a títulos da USC, entre eles
Lugo, Santiago de Compostela

O Consello de Goberno da Universidade de Santiago reuniuse este venres en San Xerome para aprobar diversas cuestións de índole académica e administrativa, fundamentalmente.

Así, coa fin de atender as necesidades detectadas nalgunhas plataformas científico-tecnolóxicas, acordouse modificar o regulamento para a creación, modificación e supresión das Plataformas Científico-Tecnolóxicas para introducir a figura dunha persoa responsable técnica que fará funcións de apoio cando o volume de actividade ou a complexidade das instalacións así o recomenden. A súa proposta de nomeamento será realizada por quen ostente a responsabilidade científico-técnica da plataforma.

Aprobouse ademais que, unha vez modificado o mapa de titulacións da USC e a súa oferta formativa no ámbito da criminoloxía, o Instituto de Criminoloxía se extinga en favor do Instituto de Ciencias Forenses Luis Concheiro (INCIFOR), que decidiu recentemente a creación dunha nova unidade científico-técnica de Criminoloxía.

No referido a cuestións académicas, nun contexto como o actual no que a captación de estudantado internacional adquire especial relevancia no proceso de internacionalización da USC, considerouse preciso establecer as canles a través das cales as persoas tituladas fóra de España que non dispoñan de títulos homologados, validados ou declarados equivalentes poidan solicitar o acceso a unha titulación. De aí que este venres se aprobasen os criterios para regular o recoñecemento de equivalencia de estudos estranxeiros para o acceso a mestrados, doutoramento e estudos propios da USC.

Ademais, deuse o visto bo ao regulamento de programas de simultaneidade de estudos e das estruturas curriculares específicas na USC; a modificación da memoria do Programa de Doutoramento en Lóxica, Filosofía da Ciencia e Estudos Sociais da Ciencia, titulación conxunta coordinada pola Universidade de Salamanca; a modificación dos regulamentos de traballos de fin de estudos e de estudos propios; memorias e cursos de estudos propios,

En materia de persoal, deuse o visto bo á prórroga de contrato dunha profesora asociada de Ciencias da Saúde e unha corrección de erros na proposta de asignación de complementos de recoñecemento de mérito docente na convocatoria de 2024.

Outros asuntos

Ademais, na xuntanza aprobouse a cobertura dunha vacante na comisión para a atención aos casos de violencias sexuais e o acoso por razón de sexo, orientación sexual e identidade ou expresión de xénero (CAVISA) así como a designación de representantes do Consello de Goberno no iLTIUS e no iTERRA e da dirección en funcións do Departamento de Matemáticas.

A cesión de uso temporal de espazos no inmoble do pavillón de servizos da USC ao CITMAga, a adhesión da USC ao Clúster ACUIPLUS e a aprobación do logo institucional do Idega son os asuntos que completan a xornada do venres.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 24.10.2025.