Pasar al contenido principal

Notable posto da USC na Olimpíada Internacional de Física Teórica

Notable posto da USC na Olimpíada Internacional de Física Teórica
Notable posto da USC na Olimpíada Internacional de Física Teórica
O equipo de físicos da facultade compostelá superou no certame a estudantes de Oxford, Brown ou o MIT

Seis problemas de complexidade máxima e 24 horas para resolvelos. Ese foi o reto ao que se enfrontaron catro graduados en Física pola USC, que decidiron medir as súas forzas con estudantes de centros de máximo prestixio de todo o mundo na Olimpíada Internacional de Física Teórica.

Durante a carreira, o profesorado aseguráballes que o seu nivel non tiña que envexar o de universidades moito máis grandes e de maior prestixio, “pero é algo que non acabas de crer”, confesa o coruñés David Peinador, un dos participantes que agora está a cursar un mestrado na Universidade de Cambridge. “Por iso nos presentamos, era unha boa oportunidade para comprobalo e, se cadra, gañar a algún equipo do MIT, algo que finalmente fixemos”. “Superamos a grupos de universidades a priori moito mellores segundo os rankings que quizais non contemplen todos os aspectos relevantes para a formación dos seus alumnos e ponderen excesivamente os recursos económicos”, sinala.

Efectivamente, o equipo ‘Gravitones Galaicos’ –o único español de todo o certame– superou en puntuación a grupos de Oxford, o MIT, Brown, Rutgers ou da Universidade de Tokio, deixando á USC nun “máis que digno oitavo posto”, afirma orgulloso o profesor da Facultade de Física José Edelstein, o culpable de que catro dos seus alumnos de grao se lanzasen a este desafío xusto un día despois de rematar os exames de xaneiro.

“A idea de enfrontarnos a problemas complexos de física, fóra dos típicos estándares das materias do grao, é un reto en si mesmo excitante”, comenta o lugués David Vázquez, alumno do master en Física da USC na rama de física de partículas, para quen o formato en grupo da olimpíada é “moi recomendable”. “Estamos acostumados a atacar os problemas individualmente esquecendo un pouco que a ciencia é unha cuestión colectiva”, apunta.

Nalgúns problemas a dificultade estaba na propia inventiva e iso convérteos nalgo moi motivador “para quen ten por profesión pensar e non memorizar”, explica o monterrosino Martín Enríquez, actual alumno dun mestrado en Múnic (Alemaña) especializado en fundamentos matemáticos da Teoría de Cordas e Gravidade Cuántica. Nesa idea coincide David Travieso, compañeiro de posgrao de David Vázquez, que apunta que os problemas da olimpíada respondían a necesidades que un se pode atopar na realidade profesional “e que van máis aló dos problemas sobre unha serie específica de tópicos que son os que afrontamos no contexto docente do grao”.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 26.09.2017.