O Instituto de Ciencias da Educación e Alumni USC desenvolven este sábado o segundo encontro de intelixencia emocional
O Instituto de Ciencias da Educación (ICE) e a Asociación de Antigos Alumnos e Amigos da USC (Alumni USC) organizan este sábado 30 a segunda edición do Foro de Educación Emocional e Social (EnMente2), dirixido tanto a integrantes da asociación como ao público en xeral. Será a segunda edición dun encontro que en 2016 reuniu preto de 200 persoas, entre profesionais do eido educativo, pais e nais, alumnado de grao e máster, profesionais da psicoloxía e da educación así como a persoas interesadas en traballar as súas competencias emocionais e sociais.
O encontro celebrarase na Facultade de Ciencias da Comunicación e impartirano profesionais do ámbito da intelixencia emocional, do coaching e do mentoring, persoas expertas en comunicación, xestión de equipos e desenvolvemento persoal e profesional. Están previstos un total de oito relatores e relatoras de recoñecido prestixio destacando nomes como Carlos Hué, psicólogo e doutor en Ciencias da Educación, ou José Carlos Ángel Castel, pedagogo.
A inauguración terá lugar ás 9.00 horas e nela participarán a vicerreitora de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social, Dolores Álvarez; a presidenta de Alumni USC, Benita Silva; a secretaria xeral de Emprego da Xunta de Galicia, Covadonga Toca; e a directora do Instituto de Ciencias da Educación da USC, Ana María Porto.
Posteriormente darán comezo os 8 obradoiros dinámicos e participativos, que serán levados a cabo por profesionais expertos nas áreas de intelixencia emocional, coach e xestión de persoas e equipos; e nos que se traballarán estratexias e ferramentas para o desenvolvemento profesional e persoal do público asistente.
A finalidade desta acción é profundar no coñecemento e xestión das emocións, no desenvolvemento de estratexias de regulación emocional, automotivación e liderado, tanto no eido persoal coma no profesional, así como na mellora de habilidades comunicativas e de escoita que permitan comprender as emocións das outras persoas. A partir destes obxectivos comúns, están previstos oito obradoiros entre os que as persoas interesadas deberán escoller aquelas catro temáticas que mellor se adapten ás súas necesidades, ata completar un total de oito horas de formación.