Na busca de talento musical
 
            Por terceiro ano consecutivo, a Vicerreitoría de Estudantes e Cultura convoca o Certame de grupos musicais da USC, coa fin de dar visibilidade a artistas ou grupos de música moderna que formen parte da comunidade universitaria e especialmente do seu estudantado.
Ata o 7 de xaneiro poderanse presentar candidaturas de maneira individual ou como grupo, formado por un mínimo de dous membros da comunidade universitaria ou tres para grupos de cinco ou máis compoñentes. Outorgaranse tres premios dotados de 800, 450 e 250 euros, respectivamente.
Nas solicitudes presentaranse temas de música moderna orixinais e non premiados con anterioridade. Cada participante ou grupo poderá presentar unicamente unha solicitude e unha proposta musical. Tampouco pode tomar parte nesta convocatoria quen fose premiado en anteriores edicións do certame ou teña editado algún traballo discográfico, agás que sexa autoeditado e que careza de respaldo discográfico na actualidade.
Desenvolvemento
As solicitudes pasarán primeiro por unha fase de preselección na que o xurado escollerá tres propostas de entre todas as presentadas. Valorarase a orixinalidade e instrumentación (3,5 puntos), a afinación e execución (3,5 puntos), posta en escena (2 puntos) e uso do galego (1 punto).
Unha vez finalizada a fase de preselección, abrirase a de selección final que determinará as propostas gañadoras a través dunha actuación en directo nun concerto da Primavera Cultural 2025, cunha intervención dun máximo de 10 minutos por aspirante.
Anteriores edicións
Na primeira edición do Certame de grupos musicais da USC resultou gañadora a proposta de 'The Displacements'. O segundo premio foi para Aprendiz e o terceiro para Diego Flâneur.
O pasado ano foi Ginko Biloba quen gañou o certame, a quen lle seguiron Aprendiz no segundo posto e Why not? No terceiro.
