Mixturando prevén lumes con 18 modelos de xestión en monte veciñal e de utilidade pública de bosque mixto atlántico en Galicia e Asturias
            O proxecto Mixturando leva adiante 18 modelos de xestión territorial sobre monte veciñal e de utilidade pública en espazos protexidos e/ou de especial interese ecolóxico nos municipios de Covelo (Pontevedra), Lobeira, Lobios, Muíños, Entrimo (Ourense), así como Teverga, Quirós, Proaza e Somiedo (Asturias). Coa participación do grupo de investigación Proxectos e Planificación da USC (PROePLA) no Campus Terra, Mixturando conta co apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea - NextGenerationUE. Ademais de pola USC, o proxecto está integrado polos grupos de desenvolvemento local Limia-Arnoia (Ourense), Terra e Auga (Pontevedra) e Camín Real de la Mesa (Asturias).
Dende o principio, Mixturando propúxose como obxectivo a posta en marcha de estratexias de valorización do bosque atlántico mixto en espazos protexidos das comunidades autónomas de Galicia e Asturias, con especial atención a territorios afectados por incendios forestais e polo declive demográfico. Unha campaña realizada en redes sociais pola influencer Paula Vilaboy (@blondiemuser), unha bióloga especialista en sustentabilidade que conta con 1,8 millóns de seguidores en TikTok e 71.000 en Instagram, explicou que o bosque mixto atlántico está conformado por diferentes especies de frondosas (carballos, castiñeiros, haxas, bidueiros, ou sobreiras, entre outras) e matogueiras (breixo, fentos, toxos, ou piornal, entre outras) nas rexións tépedas da cornixa cantábrica e o noroeste da Península Ibérica.
Mixturando, en concreto, intervén sobre a conca alta do río Tea, no municipio de Covelo, unha zona incluída na Rede Natura 2000; no parque natural Baixa Limia – Serra do Xurés e a reserva da biosfera homónima, nos concellos ourensáns de Lobios, Lobeira, Entrimo e Muíños, e nos parques naturais de Somiedo e Las Ubiñas-La Mesa e a zona de especial conservación Caldoveiro, nos concellos de Teverga, Quirós, Proaza e Somiedo, no corazón de Asturias. Os modelos de aproveitamento previstos para a duración completa do proxecto xa están en aplicación.
Recuperación de masas de frondosas e micoloxía
Mixturando diferenza os seus modelos entre forestais, silvopastorais e agroforestais. Polo que respecta ás estratexias forestais, na conca alta do río Tea desenvolveuse un aproveitamento de bosque mixto onde prevalece a conservación de alto valor biolóxico en terreos da comunidade de montes en man común de Barcia de Mera (Covelo, Pontevedra), así como un aproveitamento micolóxico en espazos da comunidade de montes de Santa Mariña de Covelo (Pontevedra). Ademais, efectuáronse prácticas de silvicultura en masas de castiñeiro nos montes de utilidade pública (MUP) Pastos de Carbayón de Teverga (Asturias) e silvicultura en masas de haxa nos MUP Carrizal (Quirós, Asturias) e Cueva de Buenamadre (Somiedo, Asturias), do mesmo xeito que silvicultura en bosque mixto con dominancia de cerquiño (Quercus pyrenaica) en terreo comunal da Pereira (Entrimo, Ourense) e Calvelo (Muíños, Ourense). A recuperación e ampliación dunha masa mixta de carballos e bidueiros en montes veciñais de Lobeira e Gaiás (Lobeira, Ourense), a recuperación dunha masa na que predomina a sobreira en superficie da comunidade de montes de Río Caldo (Lobios, Ourense) e a recuperación dunha masa de castiñeiros en San Paio de Araúxo (Lobios, Ourense) son outros dos modelos forestais que se executaron.
Gandería extensiva e recuperación de pastos
Polo que incumbe ás estratexias silvopastorais, ata o momento o proxecto Mixturando permitiu actuar con gando extensivo de vacún tanto en montes comunais de Godóns (Covelo, Pontevedra), como da Pereira (Entrimo, Ourense) e Calvelo (Muíños, Ourense). Tamén se recuperaron pastos de altura dentro das propiedades veciñais da Pereira (Entrimo, Ourense) e Calvelo (Muíños, Ourense) e acometeuse unha actuación sobre a cuberta vexetal de pasteiro con criterios rexenerativos en montes de utilidade pública de Andrúas, Guariza e Valle del Giblo, no concello asturiano de Quirós.
Oliveiras, centeo autóctono, apicultura e castañas
Finalmente, no que se refire aos modelos agroforestais, os equipos de Mixturando xa se ocuparon de accións de recuperación de oliveiras e a activación da apicultura en montes veciñais de Maceira (Covelo, Pontevedra), o impulso do cultivo de centeo autóctono na parroquia de Godóns (Covelo, Pontevedra) e a recuperación de incalculable valor enerxético, paisaxístico, económico e cultural das masas de castiñeiro de froito no monte de utilidade pública de Granda de Oliz, no concello de Proaza (Asturias).
Atlas de resiliencia
Así mesmo, Mixturando finalizou xa outra das súas accións previstas: a cartografía e caracterización socioeconómica, legal e administrativa das actividades tradicionais que levaron adiante a través dos séculos as poboacións da Cornixa Cantábrica, así como a avaliación da súa vixencia na segunda década do século XXI. Deste traballo liderado por PROePLA obtívose un atlas de resiliencia dos 301 espazos da Rede Natura 2000 de Galicia, Asturias, Cantabria, País Vasco, Navarra e as provincias castelán-leonesas de León, Palencia e Burgos. Ademais, esta completa cartografía permitiu calcular que os bosques da Rede Natura do norte peninsular capturan unha cantidade de carbono que neutralizaría as emisións de CO2 de toda España durante case dous anos e medio. Esta acción está ligada a unha segunda, tamén completada, na que se identificaron un total de 185 modelos de xestión innovadores e exitosos en contextos similares aos correspondentes ao ámbito de actuación do proxecto Mixturando.
Ademais, a partir dos datos solicitados nas dúas accións anteriormente descritas está actualmente en desenvolvemento unha terceira que consiste na elaboración dun catálogo de modelos innovadores para levar a cabo actividades formativas e demostrativas. O catálogo xerado de modelos optimizados e innovadores de aproveitamento de bosque mixto atlántico e a súa posta en marcha terán un papel exemplar para incentivar o emprego e a economía sostible en zonas de alto valor ambiental. Así, sobre este último aspecto, Mixturando está implementado igualmente unha acción de transferencia de todo o coñecemento xerado durante a execución do proxecto, que se pon en marcha a través de instrumentos como Transfer Classroom e Living Labs durante os meses finais de execución e que o grupo de investigación PROePLA da USC coordina para a capacitación laboral de 25 persoas. Finalmente, no marco do proxecto, o grupo de investigación da USC PROePLA creou unha serie de cursos de formación en liña, de 100, 50 e 25 horas de duración, que están dispoñibles en liña.