A Asociación Española de Investigación sobre o Cancro (ASEICA), en colaboración coa Associação Portuguesa de Investigação em Cancro (ASPIC), desenvolve este ano o seu IV Congreso Internacional na Escola Superior Técnica de Enxeñería de Santiago de Compostela. O encontro científico, que estima unha participación de 400 asistentes, reunirá os días 20 e 21 de novembro aos mellores especialistas estatais e internacionais en investigación oncolóxica para presentar os últimos avances no coñecemento, diagnóstico e tratamento do cancro.
Baixo o lema ‘Novas terapias e desafíos, da básica á clínica’, o encontro científico será inaugurado polo investigador líder do grupo de Oncoloxía Médica Traslacional do IDIS (Oncomet), xefe do Servizo de Oncoloxía Médica do CHUS e presidente de ASEICA, Rafael López. Na apertura acompañarano Joana Paredes e Marisol Soengas, investigadoras e ex presidentas de Aseica; seguidas da intervención do prestixioso Dr. Jun Wang, profesor do Departamento de Patoloxía da Universidade de Nova York e do Centro Oncolóxico Laura, e Isaac Perlmutter, de Langone Health, quen impartirá unha conferencia maxistral sobre inmunoloxía e inmunoterapia oncolóxica.
O programa preliminar divídese en tres sesións que se desenvolverán ao longo de dous días: ‘Biespecíficos e células CAR-T’, ‘ADC e nanomedicina’ e ‘Vacinas’. Estas conferencias abordarán as oportunidades actuais en oncoloxía a través da investigación en inmunoterapia, o futuro e presente das terapias dirixidas ADC e CAR-T ou a mellora dos tratamentos a través de nanomedicamentos e nanovacinas, entre outros temas de interese que tratarán os distintos relatorios maxistrais.
Neste sentido, profesionais e persoal investigador internacional de España e Portugal de primeiro nivel compartirán os avances máis recentes en oncoloxía na capital galega co fin de xerar sinerxías, fortalecer a investigación ibérica sobre o cancro e debater sobre os retos presentes e futuros da oncoloxía.
Comprometida coa investigación
Nada en 1983, a Asociación Española de Investigación sobre o Cancro (ASEICA) é unha sociedade científica que agrupa máis de 1.700 investigadores e investigadoras líderes en cancro. O seu obxectivo é promover a investigación e a divulgación científica entre as persoas profesionais dedicadas á Oncoloxía.
Cunha perspectiva traslacional, ASEICA converteuse nun punto de encontro entre persoal investigador básico e clínico co fin último de atopar as mellores solucións para a abordaxe da enfermidade. A asociación colabora activamente con outras organizacións de investigación tanto nacionais como internacionais, fortalecendo estes lazos con outras sociedades científicas españolas e europeas.