Pasar al contenido principal

D3Mobile reúne a promesas ‘STEM’ na EPS de Enxeñaría da USC

Gañadores e asistentes á ceriminonia de entrega de premios de D3Mobile 2018 na EPS de Enxeñaría de Lugo
Gañadores e asistentes á ceriminonia de entrega de premios de D3Mobile 2018 na EPS de Enxeñaría de Lugo
Estudantes de Pamplona, A Proba do Caramiñal, Vimianzo e Viveiro recollen no campus lugués galardóns dun torneo no que en 2018 participaron 500 escolares de 17 países

Os equipos galardoados na D3Mobile Metrology World League 2018, un campionato pioneiro de modelado 3D de precisión teléfono móbil e/ou tablet orientado a estudantes preuniversitarios e promovido polo grupo de investigación Cigeo da USC en colaboración con Universia do Banco Santander, o Centro Español de Metroloxía (CEM) e o Instituto Xeográfico Nacional (IGN-CNIG), Fundación Mujeres, ademais doutras entidades públicas e privadas, recolleron este venres os seus respectivos premios no marco dunha cerimonia de entrega de agasallos que congregou na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do campus de Lugo da USC a docentes e a novas promesas ‘STEM’ (acrónimo en inglés de Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas) que están a realizar estudos de ESO e BAC en diferentes centros educativos de ensino medio de Pamplona, A Proba do Caramiñal, Vimianzo e Viveiro.

A sexta edición deste campionato repartiu tamén diversos galardóns a equipos procedentes doutras localizacións españolas, así como á formación Buddy, da Borusan Asim Kocabiyik Vocational and Technical Anatolian High School de Istambul (Turquía), que se proclamou campión absoluto cunha figura sobre Capadocia escaneada en 3D, e a participantes de Bulgaria ou México, entre outros países. Tras avaliar a calidade de medida e visual dos modelos 3D elaborados polos 29 equipos que acadaron a final, o xurado acordou proclamar vencedores da categoría Metrólogos aos alumnos turcos Omer Yigit Uzun e Serkan Sevinc, coordinados polo profesor D. Mustafa Toruntay. Na segunda proba, os gañadores elaboraron un modelo 3D sobre Capadocia, e na terceira conseguiron un erro medio inferior a 0,02 mm nas medicións realizadas nun modelo 3D de 350 mm. de diagonal maior

Navarra foi a gran protagonista da gala de entrega de premios da D3Mobile 2018 grazas aos premios colleitados nesta competición polo alumnado do IES Iturrama de Pamplona, o centro educativo mellor clasificado neste torneo logo dos éxitos individuais acadados por dous dos seus equipos inscritos na D3Mobile Metrology Worl League: Iruma, que se proclamou subcampión mundial do torneo, Leonardo, que recibiu o Premio Fundación Mujeres por un modelado 3D da escritora e inventora americana Amanda Jones.

O profesor do IES Iturrama de Pamplona e coordinador do equipo Iruma ,José Miguel Zabaleta Trecu, xunto cos integrantes do grupo, Andoni Alfonso, Xabier Pabolleta, Ander Dufur, Mikel Garces, Irati Saragüeta, Markel Iruretagoyena, Xabier Leonardo e Unai Arana, recolleron os premios que acreditan a brillante competición desta formación, que rematou en segundo lugar da clasificación final. Asemade, o equipo Leonardo, coordinado polo mesmo docente e formado por dous destes estudantes pamplonicas recolleu o premio outorgado pola Fundación Mujeres e do que fixo entrega María Hervada.

Antes de subir ao estrado a delegación pamplonica, a organización de D3Mobile 2018 fixo un recoñecemento público ao bo traballo desenvolvido nesta competición polo equipo mexicano BPFIS2, do Colexio Baden Powell de San Mateo Tecoloapan, Atizapán de Zaragoza (México). Este grupo, formado polas alumnas Ingrid Montserrat Barcenas e Vanesa Barcenas Hernández e coordinado por polo profesor José Octavio Matías Rodríguez, acadou o premio ao vídeo máis votado polo público co seu modelo en 3D, un documento audiovisual proxectado no marco da cerimonia.

Na categoría Artistas 3D gañou o modelo 3D dun peixe de peluche elaborado por un equipo do IES Terra de Soneira de Vimianzo (A Coruña), formado por Aitana Castiñeira De León e Sergio Castiñeira Vilariño, baixo a coordinación da profesora Ana Isabel Penedo Branco, quen defendeu na súa intervención “o enorme talento” dos estudantes de áreas rurais, a pesar de verse afectados por “ limitacións técnicas”.

Campións de Galicia e de Lugo

O gañador do premio ao mellor equipo de mozos metrólogos galegos, outorgado pola Xunta de Galicia, foi para o equipo Sapoconchos, do IES da Pobra do Caramiñal (A Coruña), liderado pola profesora Margarita Saborido Ojea e formado polos alumnos Román Pego Cánibe, Adrián Sánchez Piñeiro e Jorge López Ramos. O mellor clasificado da provincia de Lugo foi o equipo Canosomo, do IES Vilar Ponte de Viveiro, composto por Pedro Canoura Quirce e Diego Fernández Somoza, e dirixido pola profesora Ana Belén Lamas Lombao. Este equipo, que recibirá o premio da Deputación Provincial de Lugo, escaneou en 3D un dragón.

A vicerreitora de Coordinación do campus de Lugo, Montserrat Valcárcel, presidiu a cerimonia de entrega de premios da sexta edición de D3 Mobile Metrology World League, no marco dun acto no que tamén o tenente de alcalde do Concello de Lugo, Miguel Fernández; o deputado provincial Pablo Rivera Capón; o director do Servizo Rexional do Instituto Xeográfico Nacional, Pablo Carballo; o subdirector Xeral de Ordenación e Innovación Educativa e Formación de Profesorado, Iván Mira Fernández; a coordinadora do grupo de investigación Cigeo da USC, Mariluz Gil Docampo, e o tamén profesor na EPSE e director do proxecto D3mobile, Juan Ortiz.

O director da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do campus de Lugo da USC, Tomás Cuesta; o director do Departamento de Enxeñaría Agroforestal da USC, Pablo Vila Lameiro, e o catedrático de Xenética Paulino Martínez, tamén participaron nesta cerimonia de entrega da D3Mobile Metrology World League 2018, un evento que serviu tamén para o lanzamento da D3Mobile 2019, unha iniciativa que nesta nova edición pretende ser “unha ferramenta para a divulgación científica da actividade que está a desenvolver a Agrupación Estratéxica de Investigación que vén de crearse no campus de Lugo baixo o acrónimo de BioReDes.

Valcárcel entrega un dos premios a estudantes navarros Estudantes do IES Vilar Ponte de Viveiro, acompañados da profesora, que gañaron a fase provincial de D3Mobile2018 Autoridades académicas e políticas, na cerminonia de entrega de premios de D3Mobile Coordinadora e alumnos do equipo do IES Terra de Soneira, de Vimianzo, premiado na D3Mobile2018

Los contenidos de esta página se actualizaron el 15.02.2019.