Pasar al contenido principal

A Domus do Mitreo recibiu preto de 4.000 visitantes durante os meses de xullo e agosto, un 10% máis respecto ao verán de 2016

Interior da Domus do Mitreo
Interior da Domus do Mitreo

A Domus do Mitreo, o xacemento arqueolóxico musealizado sobre o que se asenta a Casa do Saber de Lugo, recibiu arredor de 4.000 visitantes durante os meses de xullo e agosto, o que representa un incremento do número de visitas de preto 10% con respecto ao mesmo período de ano anterior. Estes datos revelan que o promedio de visitantes á Domus do Mitreo superou as 100 persoas diarias durante os meses de xullo agosto, durante os que as citadas instalacións permaneceron abertas ao público un total de 37 días.

O incremento do número de visitantes á Domus do Mitreo constata o crecente interese que esperta este xacemento arqueolóxico, un conxunto singular, por non dicir exclusivo, no noroeste de España, ata o que se desprazan persoas procedentes de toda a xeografía nacional. Aínda así, alén de lugueses e demais visitantes galegos, o maior fluxo de turistas foráneos procede de Madrid, Cataluña e Andalucía. Esta xoia arqueolóxica esperta tamén moita curiosidade no público doutros países, e tamén en investigadores de universidades estranxeiras, como o proba a visita de grupos internacionais ao longo de todo o ano.

Durante o verán, o réxime de apertura e visita á Domus do Mitreo mantivo o seu horario habitual. Así, o público interesado puido acceder ao xacemento de xoves a sábado, en quenda de mañá e tarde, así como os domingos, durante os que as instalacións están abertas en horario de 11.30 a 13.30 horas.

O período de maior fluxo de visitantes ao xacemento da Domus do Mitreo coincide co período estival do mes de agosto, durante o que se contabilizaron un total de 2.320 visitas, unhas 200 máis que no mesmo período de 2016.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 06.09.2017.