O Ibader acollerá do 7 ao 9 de setembro o simposio ‘A cidade agroecolóxica’ no marco da Universidade de Verán da USC

‘A cidade agroecolóxica’ é o título do simposio incluído na programación da Universidade de Verán da USC que se desenvolverá do 7 ao 9 de setembro na sede do Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (Ibader) do Campus Terra. Estruturado en 22 horas lectivas e aberto á participación de todas as persoas interesadas pola temática, este programa estival de formación e divulgación científica, está dirixido polo profesor Xan Neira Seijo e por Martiño Neira Cervera, da Sociedade Galega de Agroecoloxía (Soga).
Os obxectivos deste programa incluído na Universidade de Verán 2017 da USC pasan por contribuír a identificar políticas e actuacións urbanas eficaces para mellorar as condicións de vida nas cidades, así como presentar as políticas agroecolóxicas como unha actividade que pode axudar á mellora das condicións de vida nas cidades en consonancia coa ferramenta da Axenda 21 local.
Estruturado en relatorios, presentacións de comunicacións e obradoiros de carácter práctico, os directoras deste foro estival da USC convidaron a participar como relatores no mesmo a expertos recoñecidos que, ao longo das distintas xornadas, exporán diferentes experiencias xa en marcha, ao tempo que reflexionarán sobre o desenvolvemento agroecolóxico, sistemas alimentarios, cidades agroecolóxicas, ao tempo que afondarán na conveniencia de incluír elementos rurais nas paisaxes urbanas.
O programa deste simposio inclúe ademais unha mesa de debate sobre servizos medioambientais e estratexias de acción colectiva en zonas urbanas, durante a que os distintos relatores participantes afondarán sobre posibles solución e oportunidades de negocio que deparan as prácticas sustentables.
As persoas interesadas en obter máis información respecto do programa deste curso de verán da USC, poden facelo a través da web da Universidade de Verán da USC 2017, onde tamén se é posible formalizar a inscrición neste programa, para o que está aberta a matrícula ata o vindeiro 25 de agosto.