Pasar al contenido principal

Un curso de verán trata desde o mércores na Estación Científica do Courel o aproveitamento sostible dos cogomelos en Galicia

Cartaz da Universidade de Verán 2017 da USC
Cartaz da Universidade de Verán 2017 da USC

‘Aproveitamento sostible de cogomelos (setas) comestibles en Galicia’, é o título do curso incluído na programación da Universidade de Verán da USC que se desenvolverá do 26 ao 28 de xullo na Estación Científica do Courel, con sede en Seoane do Courel. Estruturado en 24 horas lectivas e aberto á participación dun máximo de 50 persoas, este programa estival de formación e divulgación científica, está dirixido polo profesor da USC e director da Estación Científica do Courel, Antonio Rigueiro Rodríguez.

Os obxectivos deste programa incluído na Universidade de Verán 2017 da USC e que conta con financiamento da Deputación Provincial de Lugo, da Estación Científica do Courel e do Instituto Universitario de Investigación de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (Ibader), pasan por ofrecer ás persoas inscritas unha visión sobre as principais especies de cogomelos comestibles e velenosos de Galicia, ademais de achegar información sobre a súa importancia económica, sobre o seu aproveitamento sostible e sobre a normativa que regula este aproveitamento.

As distintas sesións formativas organizadas no marco deste curso desenvolveranse nas instalacións da Estación Científica do Courel, ao tempo que se realizarán saídas de prácticas á Devesa da Rogueira. Aínda así, os organizadores do curso poñen a disposición das persoas interesadas un servizo de autobús desde a capital luguesa ata Seoane do Courel.

Estruturado en relatorios e sesións prácticas, os preto de dez relatores que tomarán parte neste foro estival da USC abordarán cuestións relativas a estratexias nutricionais, morfoloxía de fungos e cogomelos, cogomelos comestibles e velenosos, fungos tóxicos para animais e fungos hipóxeos de Galicia, técnicas de micorrización, pautas para o aproveitamento sustentable e para mellorar a produción e regulación da colleita, comercialización e industrialización de cogomelos.

O curso inclúe ademais como novidade unha demostración do uso de cans adestrados para a localización de fungos hipóxeos (trufas, etc), unha sesión que se desenvolverá na xornada do 27 de xullo e que estará guiada por Julio Cabero Martín, experto en fungos hipóxeos.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 24.07.2017.