Pasar al contenido principal

Aberta a matrícula para os cursos e actividades do Centro de Linguas Modernas

Katerina Vlasakova e Roberto López, na presentación celebrada este martes en San Xerome
Katerina Vlasakova e Roberto López, na presentación celebrada este martes en San Xerome

Alemán, francés, inglés, italiano, portugués, catalán, checo, chinés, danés, xaponés, galego para non galegofalantes ou español como lingua estranxeira son algúns dos idiomas que se poderán estudar este curso no Centro de Linguas Modernas da USC (CLM) nos campus de Santiago e Lugo. A programación de actividades presentárona este martes o vicerreitor de Oferta Docente e Innovación Educativa, Roberto López, xunto coa directora do CLM, Katerina Vlasakova.

A presentación serviu para dar conta de toda a información relativa tanto ás novidades para o presente curso, como sobre test de nivelación e proceso de matrícula, probas de competencia lingüística segundo o MECR B1 e B2, probas externas, certificacións ou outros servizos de apoio ao alumnado xestionados polo CLM. Na actualidade, as persoas interesadas xa se poden formalizar a súa matrícula se se trata de continuar estudos ou inscribirse nos test de nivel para quen posúe coñecemento previos pero non teñen asignado o nivel polo CLM ou pola EOI nos últimos dous anos. Neste mes de setembro, a partir do día 13, realizaranse os test para os distintos idiomas, con localizacións e datas concretas para cada un deles.

Como novidades fronte anos pasados o Centro de Linguas Modernas incorpora no Campus de Santiago a posibilidade de realizar Speaking Skills B1-B, B2-B e C1. Ademais, o CLM é o centro examinador para a comunidade universitaria de alemán, inglés, francés, italiano e portugués en Santiago, e de alemán, inglés, francés e portugués no Campus de Lugo, concretamente das probas B1 e B2 segundo as convocatorias dispoñibles na web do CLM.

Probas externas
En calidade de centro delegado de diferentes entidades de prestixio internacional como o Goethe Institut, Japan Foundation, Università per Stranieri di Siena ou o British Council, entre outros, o Centro de Linguas Modernas seguirá organizado durante 2017-2018 as probas de acreditación segundo o MECR, nesta edición aberta tamén para persoas alleas á comunidade universitaria da USC.

Certificacións
Por cada un dos cursos superados e as probas realizadas dende o ano 2010, o CLM expide as certificacións dixitalizadas con selo de órgano dispoñibles mediante identificación persoal na plataforma da USC.

Créditos
Os estudantes poden validar 25 horas por un crédito ECTS sempre que teñan o B1 acadado noutra lingua. Neste senso e como explicou na presentación a directora do Centro de Linguas, canto maior sexa o grao de coñecemento, máis créditos poderán acadarse segundo a normativa vixente. As persoas interesadas en obter máis información sobre os cursos, probas e outras actividades académicas do CLM poden consultar a web do centro ou o seu perfil de Facebook, onde se publican as novidades así como todo a información de relevancia e avisos importantes sobre o desenvolvemento do curso.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 05.09.2017.