Pasar al contenido principal

A Axencia Galega da Industria Forestal e Pemade impulsan a creación dun espazo para xerar valor engadido á madeira galega

Guaita comenta co conselleiro Francisco Conde un ensaio de residencia de madeira estrutural nas instalacións de Pemade
Guaita comenta co conselleiro Francisco Conde un ensaio de residencia de madeira estrutural nas instalacións de Pemade
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde visita a Plataforma de Enxeñaría da Madeira Estrutural da USC para coñecer as potencialidade deste centro

A Axencia Galega da Industria Forestal (Xera) e a Plataforma de Enxeñaría da Madeira Estrutural (Pemade) da USC impulsan habilitar nas propias dependencias de Pemade, localizadas na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do campus de Lugo, un espazo que contribúa a xerar valor engadido á madeira procedente de especies forestais galegas. O director de Xera, José Ignacio Lema, avanzou esta inminente iniciativa no marco da primeira visita realizada polo conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Franscisco Conde, ás instalacións de Pemade, cuxo director, o tamén catedrático do Departamento de Enxeñaría Agroforestal Manuel Guaita, adiantou tamén a próxima posta en marcha dunha unidade mixta en colaboración con Fimsa que estará emprazada nos espazos contemplados na ampliación das actuais instalacións de que dispón a Plataforma de Enxeñaría da Madeira Estrutural na EPS de Enxeñaría coa incorporación dunha nova nave.

O director de Pemade aproveitou a visita técnica realizada polo titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, o departamento autonómico do que depende actualmente Xera, para ofrecer unha explicación detallada da actividade formativa e de I+d+i que desenvolve Pemade na USC, ao tempo que trasladou ao conselleiro Francisco Conde a vocación desta plataforma de enxeñaría da madeira estrutural por avanzar na transferencia de coñecemento e de tecnoloxía ao sector forestal e ás industriais ligadas á madeira.

Guaita salientou entre o haber de Pemade o máster en Enxeñaría da Madeira Estrutural, un posgrao propio que nas súas xa sete edicións, ofreceu unha formación especializada aos máis de 200 enxeñeiros e arquitectos de toda España e incluso do estranxeiro que completaron esta formación técnica. A participación de Pemade nos programas europeos Life Lugo+Biodinámico, liderado polo Concello de Lugo e no marco do que Pemade levantará no barrio lugués de A Garaballa, o edificio Impulso Verde, “a primeira estrutura en altura feita con madeira de coníferas exclusivamente galega” , dixo. O proxecto Life EcoTimberCell, outro programa europeo orientado ao desenvolvemento de produtos estruturais en madeira acaídos para todo tipo de edificacións con capacidade para reducir as cantidades de CO2 emitidas na produción de materiais como para almacenar carbono no propio edificio, explicou.

As posibilidades técnicas e científicas que ofrece o Laboratorio de Pemade capitalizou tamén boa parte da información trasladada por Guaita ao conselleiro Francisco Conde, quen tivo a ocasión de visualizar en directo algúns dos experimentos sobre cálculo de resistencia de madeira estrutural nos que traballa o equipo técnico e científico de Pemade nun dos tres laboratorios acreditados en España pola Enac para a realización de ensaios estruturais en madeira.

O vicerreitor de Investigación e Innovación da USC, Vicente Pérez Muñuzuri, a adxunta á Vicerreitoría de Coordinación do campus de Lugo para Investigación, Transferencia e Innovación, Elvira López Mosquera, así como o director da EPS de Enxeñaría da USC, Tomás Cuesta, entre outros docentes, e investigadores e demais persoal do campus de Lugo tamén participaron nesta visita técnica ás instalacións de Pemade, un percorrido que congregou no campus de Lugo a unha ampla representación política, na que figura o delegado da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, e tamén a representantes da industria forestal, da Administración e tamén profesores e investigadores doutras universidades coas que colabora Pemade.

Imaxes da visita técnica realizada polo titular de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia a Pemade

Los contenidos de esta página se actualizaron el 18.02.2019.