Pasar al contenido principal

A USC proporá ofertar os graos en Criminoloxía, Biotecnoloxía e Paisaxe no curso 2018-2019

A USC trasladará á Secretaría xeral de Universidades a solicitude para impartir no curso 2018-2019 os graos en Criminoloxía, Biotecnoloxía e Paisaxe, esta última en formato de titulación conxunta coa Universidade da Coruña. Así o aprobou o Consello de Goberno da USC na xuntanza ordinaria celebrada este martes en San Xerome.

O de Criminoloxía é unha proposta de grao por transformación dun título propio previo cunha longa traxectoria na oferta formativa da USC das últimas décadas. Impartiríase na Facultade de Dereito, onde se desenvolve actualmente o Diploma Superior en Criminoloxía. Outras universidades do estado imparten estudos similares propostos ao aprobado polo Consello de Goberno con destacado grao de aceptación entre o alumnado que accede á Universidade á vista das notas de corte.

Polo que respecta ao grao en Biotecnoloxía, esta é unha titulación que aproveita a experiencia e capacidade da USC no ámbito do seu Campus de Excelencia Internacional Campus Vida e que entronca coa aposta estratéxica da Xunta de Galicia polo sector biotecnolóxico na comunidade autónoma. O grao estaría adscrito á Facultade de Bioloxía e á Escola Técnica Superior de Enxeñaría.

Segundo datos da propia administración autonómica, no ámbito da produción científica, a biotecnoloxía xera preto do 38% das publicacións científicas en Galicia, eido no que se teñen rexistrado 307 solicitudes de patentes entre 2011 e 2014 e nas que se captaron máis de 27 millóns de euros en programas estatais e europeos. Nos últimos tres anos, segundo a Xunta de Galicia, as empresas usuarias de biotecnoloxía medraron un 86% e o sector emprega na actualidade a máis de 2.100 persoas, das que o 53% foron contratadas en 2014.

O grao en Paisaxe, impartido de forma conxunta pola USC e a UDC, sería o primeiro interuniversitario de Galicia logo da implantación do Espazo Europeo de Educación Superior. Como se explicou no Consello de Goberno deste martes, é unha titulación de amplo espectro de actuación e necesidade salientando ademais as posibilidades de emprendemento dos seus titulados/as. A súa sede na USC estaría emprazada na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPSE).

Los contenidos de esta página se actualizaron el 18.07.2017.