Pasar al contenido principal

Unhas xornadas debaten as posibilidades da metodoloxía de Aprendizaxe-Servizo

Dolores Álvarez e Roberto López na inauguración das xornadas. Foto: Servimav-USC
Dolores Álvarez e Roberto López na inauguración das xornadas. Foto: Servimav-USC
Esta é unha metodoloxía educativa, orientada á mellora da empregabilidade e a calidade da formación, que propón que o alumnado aplique os seus coñecementos técnicos en ámbitos de servizos sociais...

O seminario que este venres 7 aborda na Facultade de Filosofía a metodoloxía Aprendizaxe-Servizo (ApS) é unha das actividades enmarcadas no proxecto de promoción desta metodoloxía educativa que propón que o alumnado aplique os seus coñecementos técnicos en ámbitos de servizos sociais afíns á súa formación. É unha ferramenta orientada á mellora da empregabilidade e a calidade da formación para o estudantado e que conta co financiamento do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte. Con iniciativas deste tipo, a USC traballa na súa implantación como unha ferramenta máis da Responsabilidade Social da institución.

A vicerreitora de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social, Dolores Álvarez Pérez, e o vicerreitor de Oferta Docente e Innovación Educativa, Roberto López López, inauguraron o encontro. En catro mesas específicas sobre proxectos de ApS en Educación e Filosofía, en Ciencias Sociais, en Educación e Enxeñaría e en Ciencias da Saúde, participan docentes responsables dos proxectos de aprendizaxe-servizos seleccionados na primeira convocatoria de proxectos de Innovación Educativa en ApS realizada polo CeTA, xunto cos xestores das diferentes entidades do terceiro sector coas que se teñen desenvolvido estes proxectos.

O obxectivo deste seminario é xerar un espazo de traballo e intercambio entre profesorado e xestores de programas de entidades para seguir traballando en propostas que unen a Responsabilidade Social da USC e a adquisición de competencias do seu estudantado, mediante o desenvolvemento de sinerxías e o traballo en rede entre a institución docente compostelá e o tecido asociativo da súa contorna inmediata. Deste xeito búscase que o debate redunde nunha mellora da oferta de programas e servizos das entidades do terceiro sector.

Esta xornada desenvolveuse no marco do proxecto ‘Responsabilidade social: aprendizaxe-servizo e innovación educativa’ que financia o Ministerio de Economía, Industria e Competitividade’. Como explicou a vicerreitora Dolores Álvarez no acto inaugural, é unha iniciativa que trata de introducir a filosofía da responsabilidade social na metodoloxía da ApS.

O seminario celébrase na Facultade de Filosofía. Foto: Servimav-USC

Los contenidos de esta página se actualizaron el 07.07.2017.