Pasar al contenido principal

Descobren un método sostible para protexer a madeira a partir de residuos forestais

Descobren un método sostible para protexer a madeira a partir de residuos forestais
Descobren un método sostible para protexer a madeira a partir de residuos forestais
A cortiza de piñeiro e a casca de castaña, as que proporcionan a mellor protección

Dende a antigüidade a madeira é un material empregado e valorado como materia prima tanto na construción como na decoración e en moitas outras aplicacións. Non obstante, un dos principais problemas do seu uso é a degradación que sofre cando se expón ao exterior, xa que a luz solar oxida a superficie cambiando a súa cor e provocando a aparición de fendas. Esta perda de cor é especialmente importante nas chapas de madeira tinguidas empregadas como recubrimento de taboleiros decorativos, xa que a cor das chapas debe ser a prescrita polo cliente.

O método tradicional de protexer a madeira, e en particular esas chapas, fronte á luz solar é con recubrimentos superficiais como lacas, pinturas ou vernices, que cambian a aparencia achegándolle un aspecto máis plástico e que en moitos dos casos conteñen compostos tóxicos.

Na busca dunha alternativa sostible a este caso concreto, a enxeñeira Cristina Galiñanes Bello centrou a súa tese doutoral na aplicación de extractos obtidos a partir de residuos do monte e das industrias forestal e alimentaria. Así, demostrou que eses residuos conteñen compostos con elevada capacidade antioxidante que actúan protexendo a cor da madeira da acción da luz solar, sendo os extractos da cortiza de piñeiro e os da casca de castaña os que proporcionaron a mellor acción protectora.

A tese propón non só un tratamento sostible e ambientalmente aceptable para protexer á madeira fronte a degradación que sofre cando se expón ao exterior, se non tamén unha alternativa para a xestión e valorización dos residuos forestais e industriais estudados.

O traballo ‘Fotoprotección de chapas de madeira tinguidas mediante taninos obtidos a partir de residuos forestais’ dirixírono as profesoras do Departamento de Enxeñaría Química da USC Julia González Álvarez e María Sonia Freire Leira e desenvolveuse conxuntamente entre o Grupo de Investigación Aproveitamento de Materiais Lignocelulósicos da USC e a empresa Aserpal S.A., que grazas a este proxecto poderá comercializar chapas de madeira tinguidas con estabilidade da cor mellorada.

O tribunal encargado de avaliar a tese estivo formado polo profesor da USC Manuel Guaita Fernández, polo director científico da Fundación CETEMAS, Juan Pedro Majada Guijó, e pola científica do Instituto Nacional de Investigacións e Tecnoloxías Agrarias Eva Hermoso Prieto, que lle outorgaron a cualificación de sobresaliente cum laude.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 12.07.2017.