Pasar al contenido principal

Un cento de profesionais poñen o seu coñecemento a disposición do alumnado

Un cento de profesionais poñen o seu coñecemento a disposición do alumnado
Un cento de profesionais poñen o seu coñecemento a disposición do alumnado
Comezou o programa Mentoring USC de Desenvolvemento Profesional

Hai tres anos naceu o proxecto Mentoring USC coa idea de poñer en contacto o alumnado de máster e de últimos cursos de grao ou egresados con profesionais de empresas a fin de que estes lles presten orientación e apoio na busca de emprego e no desenvolvemento do seu proxecto profesional. Polo de agora máis de 300 estudantes beneficiáronse da experiencia de 125 mentores e mentoras.

O reitor Juan Viaño presidiu este martes a inauguración dunha nova edición do programa nun acto no Hostal dos Reis Católicos no que estivo acompañado pola vicerreitora de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social, Mª Dolores Álvarez, e a directora de Institucións de Caixa bank, María Jesús García.

Alí estiveron os 106 mentores e mentoras e 80 estudantes que nos vindeiros catro meses participarán no Mentoring e no Mentoring Inclusivo, este segundo dirixido a estudantado con algunha discapacidade. O primeiro conta co apoio do Consello Social da USC e o segundo de Obra Social la Caixa.

Viaño lembrou na inauguración que esta iniciativa -pioneira na universidade pública española- está a dar “tan bos froitos coma os que reflicten os datos e as enquisas de valoración”. E tivo palabras especiais de agradecemento aos mentores e mentoras, “profesionais de experiencia dilatada que, de xeito altruísta e xeneroso, asumides o compromiso de trasladar a vosa experiencia e coñecementos aos nosos novos egresados”. “Vós seredes –dixo– a súa fonte de inspiración e estímulo para que esta xente nova poida superar as dificultades e os retos máis inmediatos e acadar así as súas aspiracións”.

Ao alumnado convidouno a que aproveite a experiencia, “unha oportunidade única para adentrarvos na realidade laboral acompañados por verdadeiros referentes dos que ides aprender moitas cousas”.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 19.12.2017.