A rede Inmunogenom preséntase este venres no Instituto de Acuicultura
O Instituto de Acuicultura acollerá este venres 15 a xornada de presentación da Rede de Investigación e Transferencia en Acuicultura (Inmunogenom), que coordina o profesor da USC Paulino Martínez. Inmunogenom pretende favorecer o intercambio de coñecementos entre a investigación pública e o sector produtivo así como promocionar o desenvolvemento de actuacións encamiñadas á mellora e sustentabilidade da produción acuícola.
Os promotores da rede agardan que esta xornada de presentación sexa unha actividade aberta ao diálogo entre persoal investigador, representantes da industria, das administracións e todos aqueles profesionais interesados neste ámbito. o de asistentes.
A xornada abrirana ás 9.30 horas a vicerreitora de Investigación e Innovación, Isabel Rodríguez-Moldes, e o profesor Paulino Martínez. Antonio Villalba, do Centro de Investigacións Mariñas CIMA, tomará a palabra a continuación para presentar os seus traballos sobre a transmisión horizontal de cancro de berberecho, dando paso a unha mesa sobre os retos da acuicultura e particularmente sobre a relación entre ciencia, industria e administración.
Ás 12.15 horas comezará unha sesión de presentación das capacidades dos distintos grupos de investigación que integran a rede: Matbioinfo (Matemática aplicada e bioinformática), Acuigen (Xenética para a acuicultura e a conservación de recursos biolóxicos), Gapavet (Anatomía patolóxica veterinaria), Paraquasil (Inmunobioloxía e parasitoloxía de peixes), Ditaprein (Diagnóstico, tratamento e prevención das enfermidades infecciosas) e GPM-CIMA (Grupo de patoloxía en moluscos).
A presentación de grupos continuará pola tarde, a partir das 16.00 horas, con GIPA (Investigacións de patoloxía en acuicultura) e cos do propio Instituto de Acuicultura da USC, Acuibiomol (Bioloxía molecular e do desenvolvemento en acuicultura) e Aquabiotec (Acuicultura e biotecnoloxía). A xornada rematará coa celebración da reunión do Comité de Coordinación da rede.