Pasar al contenido principal

Veterinaria aborda nun curso o diagnóstico histopatolóxico e o manexo das principais enfermidades de moluscos bivalvos

Cartaz do curso
Cartaz do curso

O diagnóstico histopatolóxico e o manexo das principais enfermidades que afectan aos moluscos bivalvos centrará a temática do curso monográfico que se celebrará na Facultade de Veterinaria do Campus Terra da USC os días 7 e 8 de febreiro.

Esta actividade formativa, organizada polo Grupo de Investigación en Anatomía Patolóxica Veterinaria (Gapavet) da USC, coordinado por Maribel Quiroga Berdeal, está estruturada en sesión teóricas e prácticas e ofrece un máximo de 20 prazas. As persoas interesadas poderán formalizar a súa preinscrición no curso durante a segunda semana do mes de xaneiro.

O obxectivo deste curso teórico-práctico é transferir a profesionais do sector acuícola, fundamentalmente veterinarios, pero tamén a outros profesionais como biólogos ou graduados en Ciencias do Mar, coñecementos básicos sobre a anatomía e histoloxía dos moluscos de interese comercial, o diagnóstico microscópico das súas principais enfermidades (víricas, bacterianas e parasitarias) e as estratexias de loita que levan a cabo para o seu control.

Na parte práctica do curso, estruturado en dous créditos ECTS, describiranse protocolos de mostraxe e procesado de mostras, a partir de exemplares de ameixas, berberechos, ostras e mexillóns, realizaranse técnicas de diagnóstico rápido (en concreto, incubación no medio fluído de tioglicolato salino para perkinsosis, pegada de glándula dixestiva para marteiliosis ou citocentrifugación para bonamiosis). Co fin de que os asistentes se familiaricen co diagnóstico histolóxico, as persoas inscritas no curso realizarán o exame microscópico de coleccións de preparacións citolóxicas e histolóxicas.

As persoas interesadas en completar este programa formativo, cuxo prezo de matrícula ascende a 200 euros, poden formalizar a súa preinscrición a través da web. O doutor en Bioloxía pola USC Antonio Villalba, que coordina un grupo de investigación do Centro de Investigacións Mariñas, e a doutora en Ciencias do Mar pola Universidade de Vigo, Susana Darriba, serán os docentes encargados de impartir este curso, que se desenvolverá en quenda de mañá e tarde.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 18.12.2017.