Pasar al contenido principal

Presentación na USC do informe sobre a actividade emprendedora en Galicia durante 2016

Trátase do informe executivo Global Entrepreneurship Monitor (GEM) correspondente a Galicia, cuxa elaboración coordina un equipo da USC

O equipo da USC encargado do informe executivo Global Entrepreneurship Monitor (GEM) correspondente a Galicia, que mide a actividade emprendedora na comunidade autónoma, presentará o luns 18 no Centro de Estudos Avanzados da USC (CEA) o documento correspondente a 2016. O proxecto GEM é o máis importante observatorio sobre a actividade emprendedora a nivel mundial. O elemento clave que caracteriza e diferenza estas doutras fontes de información sobre o fenómeno emprendedor ou a creación de empresas é a utilización dunha metodoloxía de investigación propia e común en todos os países e rexións participantes, o que permite proporcionar información comparable entre territorios.

A sesión inaugural desta xornada celebrarase a partir das 10.00 horas na Sala de Debates do CEA coa presenza do adxunto ao reitor para Transferencia, Innovación e Emprendemento, José M. Cotos Yáñez; do director do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE); e do presidente da Federación Galega de Xóvenes Empresarios (FEGAXE), Marcos Balboa.

A directora Técnica do equipo GEM Galicia, a profesora do Departamento de Economía Cuantitativa Isabel Neira, presentará os principais resultados do proxecto ao longo de 2016 o que dará paso á celebración dun coloquio sobre os novos indicadores. Deseguido celebrarase unha mesa redonda co lema ‘Emprendemento no sector primario: potencial en Galicia’ e que reúne a experiencia de tres persoas que optaron polo emprendemento: Maruxa García, CEO e socia promotora de TasteLab; Luz Divina Castelo, xerente de CHAMPIVIL; e José Antonio Redondo, director xeral en Óptima Cleaning & Healthcare. O director da Área de Competitividade do IGAPE, Norberto Penedo Rey, clausurará a xornada.

Dende 2005 existe un equipo GEM Galicia liderado por un equipo de investigación pertencente á USC e tendo o seu principal apoio económica no Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE). En 2016, o organismo autonómico asinou un convenio polo que o equipo da USC, ademais da dirección técnica, asume a dirección do equipo GEM Galicia.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 15.12.2017.