Pasar al contenido principal

Un congreso internacional na USC avaliará a incidencia da innovación tecnolóxica no traballo dende o punto de vista legal

Cartel do encontro a celebrar en abril de 2018
Cartel do encontro a celebrar en abril de 2018
Celebrarase en abril de 2018 coa participación de persoal experto de Alemaña, España, Francia, Italia, Polonia, Portugal Reino Unido e Rusia

Un congreso internacional reunirá en Compostela en abril do próximo ano persoal investigador procedente de Alemaña, España, Francia, Italia, Polonia, Portugal Reino Unido e Rusia para analizar dende diversos enfoques legais a influencia da innovación tecnolóxica no futuro do traballo. A súa coordinadora é a profesora da Facultade de Dereito Lourdes Mella Méndez, coordinadora xeral de CIELO laboral e investigadora do grupo Empresa y Administración da USC.

Co lema ‘ Innovación tecnolóxica e futuro do traballo: aspectos emerxentes no ámbito mundial’, o congreso céntrase na influencia do actual desenvolvemento dixital e de innovación tecnolóxica na conformación “dunha nova forma de traballar e vivir que se presenta como autenticamente disruptiva e que xa se designa como a ‘Cuarta Revolución Industrial’”, explica a profesora Lourdes Mella. Esta nova revolución “vai marcar o futuro do traballo no mundo, tal e como están recoñecendo todos os organismo internacionais, entre eles, a Organización Internacional do Traballo”, apunta a investigadora.

O congreso a celebrar en Compostela os días 5 e 6 de abril de 2018 abordan especificamente a relación da innovación tecnolóxica e o seu impacto no emprego, no contrato de traballo individual e nas relacións colectivas. Neste senso, o encontro incide en temas de máxima actualidade e procurará dar resposta “a unha inxente cantidade de problemas xurídicos que poden derivar estes profundos cambios tecnolóxicos, sociais e laborais que vivimos”.

Participación
Actualmente, o congreso mantén aberto o prazo de inscricións así como para a presentación de traballos ao programa, tanto en formato de conferencia, como de pósteres, incluíndo a súa exposición oral. As persoas interesadas poden enviar propostas de traballos á organización ata o 25 de febreiro de 2018 a través do correo electrónico congresoderechotrabajoUSC [at] hotmail.com (congresoderechotrabajoUSC[at]hotmail[dot]com). Unha vez recibidas serán sometidos á avaliación do comité organizador internacional.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 15.12.2017.