A Estación de Hidrobioloxía Encoro do Con renova o seu Selo de Excelencia Europea

A Estación de Hidrobioloxía Encoro do Con da USC (EHEC) acaba de renovar o seu Selo de Compromiso cara á Excelencia Europea 200+ polo seu sistema de xestión, certificado pola European Foundation for Quality Management (EFQM). Este é un distintivo europeo con recoñecemento internacional que certifica a calidade do traballo desenvolvido por entidades, tanto públicas como privadas, preocupadas por mellorar a súa xestión de forma continuada. No seu día, a Axencia Nacional de Avaliación da Calidade e Acreditación (ANECA) e o Club Excelencia en Xestión (CEG) asinaron un convenio polo que España adoptaba o modelo EFQM para a avaliación da administración pública, tanto pola xeral do Estado como por varias comunidades autónomas.
A cualificación, outorgada en puntos EFQM, debe ser revisada cada dous anos e permite comparar o nivel de excelencia dunha entidade co dos seus principais competidores. O proceso de renovación da certificación da EHEC, que fora obtida por vez primeira en 2009, constou de dúas fases: a realización dunha autoavaliación seguindo o modelo e a metodoloxía da EFQM e o deseño dun plan de acción con tres propostas de mellora definidas a partir desta autoavaliación.
A correcta implantación dos plans de acción foi validada por Bureau Veritas de xeito que a Estación de Hidrobioloxía da USC superou todas as fases da certificación e renovou o Selo de Compromiso cara á Excelencia Europea 200+, outorgado por CEG, representante en España do Committed to Excelence. En valoracións realizada polo director deste centro, o profesor Fernando Cobo, a renovación deste Selo “é un recoñecemento claro ao esforzo e á profesionalidade do equipo da EHEC que conxunta unha longa experiencia e capacitación en Hidrobioloxía con prácticas excelentes en xestión, enfocadas á mellora continua da organización, dos seus recursos e á satisfacción permanente dos seus grupos de interese”.