Pasar al contenido principal

O lugués Iago Lestegás, premio ao Mellor Mozo Investigador na Reunión Anual da Comisión de Xeografía Urbana da UGI

Iago Lestegás
Iago Lestegás
O arquitecto e colaborador do grupo de investigación de Análise Territorial (Ante) da USC obtivo o galardón cun artigo sobre a transformación do casco histórico de Lisboa

O arquitecto e investigador lugués Iago Lestegás, que forma parte do grupo de Análise Territorial (Ante) do Idega da USC, vén de ser recoñecido co premio ao Mellor Mozo Investigador (menores de 35 anos) no marco da última Reunión Anual da Comisión de Xeografía Urbana da Unión de Xeógrafos Internacional (UGI), un congreso desenvolvido do 6 ao 11 de agosto en Salvador de Bahía (Brasil) baixo o título ‘Urban challenges in a complex world. Digital cities and spatial justice’.

Iago Lestegás recibiu este galardón pola presentación do artigo ‘Lisbon's historic center: a real estate enclave in the periphery of the Eurozone’, unha comunicación encadrada na sesión temática ‘Urban heritage and conservation’, na que o autor fai diversas achegas e reflexións sobre o impacto que está a ter, entre outros axentes, o turismo de masas, no proceso de transformación que está a experimentar o centro histórico lisboeta.

A temática do artigo presentado por Iago Lestegás nesta convocatoria internacional está estreitamente ligada coa abordada na tese de doutoramento que vén de presentar o pasado mes de xuño na Universidade Mediterránea de Reggio Calabria (Italia). A investigación de doutoramento de Iago Lestegás contou coa titoría, entre outros, do catedrático de Análise Xeográfica Rexional da USC e coordinador do grupo Ante, Rubén Lois.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 23.08.2017.