O Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas acolle a primeira incubadora galega de novos fármacos

A profesora Mabel Loza e o profesor Ángel Carracedo son os responsables científicos da primeira incubadora de proxectos de investigación no ámbito do descubrimento de fármacos en España. Coa denominación de iniciativa I2D2 (Incubation Innovation in Drug Discovery), este programa busca potenciar o emprendemento e a transferencia de coñecemento de xeito que se poida xerar actividade empresarial e benestar económico e social. O programa está impulsado pola Xunta de Galicia a través da Axencia Galega de Innovación (GAIN) en colaboración coa compañía farmacéutica Janssen e a Fundación Kærton. A nova incubadora localizada no Centro singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) conta coa experiencia da plataforma Innoharma financiada con recursos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) xestionados polo MINECO.
A iniciativa I2D2, na súa convocatoria de proxectos aberta dende o pasado xullo ata decembro de 2018, recibiu unha extraordinaria resposta na súa primeira oleada levada a cabo ata finais do pasado setembro ao recibir 157 proxectos e que están sendo estudados de cara á segunda fase de maduración e investigación planificada. Trátase de propostas de grupos de investigación e oficinas de transferencia de universidades, fundacións, centros tecnolóxicos, hospitais e empresas de todo o mundo.
A comezos de 2018 desenvolverase unha segunda fase de I2D2 na que se realizará a incubación dos proxectos baixo a dirección da Fundación Kærton. Nesta fase realizaranse os estudos encamiñados á súa adecuación ao obxectivos do programa. Cos resultados levarase a cabo unha análise de viabilidade para o paso a fases máis avanzadas.
Para o seu desenvolvemento contará cun orzamento de máis de 2 millóns de euros e estímase que a nova iniciativa suporá a creación de arredor de 10 empregos directos en Galicia e outros tantos indirectos, con perfís de alta cualificación e experiencia en relación coa economía do coñecemento en descubrimento de fármacos.