Pasar al contenido principal

Inmunogenom, a rede galega de investigación e transferencia en acuicultura, presentarase o venres na USC

O Instituto de Acuicultura acollerá este venres 15 a xornada de presentación da Rede de Investigación e Transferencia en Acuicultura (Inmunogenom). Inmunogenom promove a investigación interdisciplinar e de calidade no ámbito da acuicultura e pretende favorecer o intercambio de coñecementos entre a investigación pública e o sector produtivo así como promocionar o desenvolvemento de actuacións encamiñadas á mellora e sustentabilidade da produción acuícola.

Os promotores da Rede, que coordina o profesor da USC Paulino Martínez, agardan que a xornada de presentación do próximo venres sexa unha actividade aberta ao diálogo entre investigadores, representantes da industria, das administracións e todos/as aqueles/as profesionais interesados neste ámbito. Para participar, unicamente é preciso confirmar asistencia a través do correo electrónico monicaafrica [at] usc.es (monicaafrica[at]usc[dot]es) indicando nome da institución de pertenza e o número previsto de asistentes.

A vicerreitora de Investigación e Innovación, Isabel Rodríguez-Moldes, e o coordinador da Rede Paulino Martínez abrirán a xornada nun acto ás 9.30 horas. Antonio Villalba, do Centro de Investigacións Mariñas CIMA, tomará a palabra a continuación para presentar os seus traballos sobre a transmisión horizontal de cancro de berberecho, dando paso a unha mesa sobre os retos da acuicultura e particularmente sobre a relación entre ciencia, industria e administración.

Ás 12.15 horas comezará unha sesión de presentación das capacidades dos distintos grupos de investigación que integran a rede: Matbioinfo (Matemática aplicada e bioinformática), Acuigen (Xenética para a acuicultura e a conservación de recursos biolóxicos), Gapavet (Anatomía patolóxica veterinaria), Paraquasil (Inmunobioloxía e parasitoloxía de peixes), Ditaprein (Diagnóstico, tratamento e prevención das enfermidades infecciosas) e GPM-CIMA (Grupo de patoloxía en moluscos).

A presentación de grupos continuará pola tarde, a partir das 16.00 horas, coas de GIPA (Investigacións de patoloxía en acuicultura), así como dos grupos do propio Instituto de Acuicultura da USC, Acuibiomol (Bioloxía molecular e do desenvolvemento en acuicultura) e Aquabiotec (Acuicultura e biotecnoloxía). A xornada rematará coa celebración da reunión do Comité de Coordinación da rede.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 12.12.2017.