Investigadores de Filoloxía colectan o premio ao mellor traballo de posgrao e o de investigación en Lingua inglesa da Asociación Española de Estudos Anglo-Norteamericanos

Investigadores da área de Filoloxía Inglesa acaban de ser recoñecidos cos premios ‘Catalina Montes’ e co 'Leocadio Martín Mingorance' de investigación en Lingua e Lingüística Inglesas no 41 Congreso Internacional da Asociación Española de Estudios Anglo-Norteamericanos (AEDEAN), celebrado na Universidade de La Laguna.
Iván Tamaredo Meira, investigador predoutoral do grupo Variation, Linguistic Change and Grammaticalization (VLCG), acaba de ser recoñecido co premio ‘Catalina Montes’ ao mellor traballo presentado por un estudante de posgrao. A finalidade destes premios é promocionar a divulgación dos traballos de investigación realizados por estudantes de doutoramento no ámbito da Filoloxía Inglesa. A comunicación galardoada, titulada ‘A cross-varietal study of pronoun omission in English: Simplification and substrate effects’, forma parte da investigación que está a realizar para súa tese de doutoramento, Processing grammatical structures: Morphosyntactic complexity and efficiency in varieties of English around the world , baixo a dirección dos catedráticos de Filoloxía Inglesa Teresa Fanego e J. Carlos Acuña Fariña.
No traballo premiado o investigador analiza o efecto de dous factores, os procesos de simplificación e a influencia das linguas de substrato, en situacións de variación dialectal en lingua inglesa. Tomando como punto de partida a omisión de elementos pronominais en setenta e seis variedades do inglés faladas en distintas partes do mundo, o estudio conclúe que ambos factores contribúen a explicar as diferenzas entre as variedades dialectais analizadas, se ben o impacto dos procesos universais de simplificación é máis significativo.
Libro premiado
No mesmo congreso, o libro Corpus linguistics on the move: Exploring and understanding English through corpora, editado polos profesores María José López Couso, Belén Méndez Naya, Paloma Núñez Pertejo e Ignacio M. Palacios Martínez, acadou o Premio de Investigación en Lingua e Lingüística Inglesas 'Leocadio Martín Mingorance' na súa vixésima edición.
O volume, publicado na colección Language and Computers da editorial Brill/Rodopi (Leiden & Boston), xa fora galardoado anteriormente con outros dous premios: o Premio de investigación 2017 da Asociación Española de Lingüística Aplicada (AESLA) e o Premio de investigación 'Aquilino Sánchez', que outorga a Asociación Española de Lingüística de Corpus (AELINCO). Os editores do volume pertencen a dous dos máis consolidados grupos de investigación da área de Filoloxía Inglesa a nivel estatal e de ampla proxección internacional, Variation, Linguistic Change and Grammaticalization (do que é investigadora principal a profesora Teresa Fanego) e SPERTUS - Spoken English Research Team at the University of Santiago de Compostela (cuxo investigador principal é Ignacio M. Palacios).
Portada de Corpus linguistics on the move

