Pasar al contenido principal

A USC a Fundación Mujeres por África colaborarán en proxectos conxuntos a prol do desenvolvemento do continente africano

O reitor Juan Viaño e Teresa Fernández de la Vega, logo da sinatura protocolaria. Foto: Servimav-USC
O reitor Juan Viaño e Teresa Fernández de la Vega, logo da sinatura protocolaria. Foto: Servimav-USC
A USC acolle este curso dúas bolseiras do programa Learn Africa da Fundación Mujeres por África

O reitor Juan Viaño e a presidenta da Fundación Mujeres por África (FMxA), Teresa Fernández de la Vega, asinaron este luns 11 en San Xerome un acordo marco de colaboración entre a USC e FMxA. O documento define as directrices xerais para a cooperación en proxectos encamiñados ao desenvolvemento de África e a realizar esforzos conxuntos no deseño e implementación de iniciativas e programas destinados a potenciar esta colaboración no ámbito da formación e a investigación universitaria.

As actividades e convenios específicos que se celebren ao abeiro deste acordo marco terá como nexo común a consecución dunha maior concienciación cidadá sobre os problemas existentes en África así como informar sobre as posibles solucións, achegando propostas para implementar as bases para a súa adopción. O acordo terá unha vixencia inicial de dous anos prorrogables por períodos iguais. A FMxA é unha entidade sen ánimo de lucro, comprometida co desenvolvemento económico e social sustentable, os dereitos humanos, a paz, a xustiza, a dignidade das persoas e de xeito especial coas mulleres e nenas do continente africano. A súa misión é contribuír ao progreso das persoas e en particular das mulleres africanas e das sociedades nas que viven, mediante o impulso de programas propios, alianzas estratéxicas ou colaboración con terceiros.

Programa de bolsas
Dentro desta liña de colaboración, a Vicerreitoría de Internacionalización, coa colaboración do Consello Social, promoveu a través do seu Programa de bolsas para a especialización de mulleres africanas a prol do desenvolvemento sostible a acollida de dúas bolseiras procedentes de países africanos para a realización de estudos de posgrao durante o presente curso na USC.

Estas bolseiras foron seleccionadas no marco do programa da FMxA Learn Africa que ofrece anualmente bolsas destinadas á capacitación de estudantes africanas de grao e posgrao mediante o establecemento de acordos de cooperación coas universidades españolas que desexen colaborar nesta iniciativa, entre elas a USC. As dúas estudantes que cursan estudos actualmente na institución académica compostelá son Miharimanjaka Oceane Rakotondrasolo, de Madagascar, matriculada no Máster en Investigación en Educación, Diversidade Cultural e Desenvolvemento Comunitario e María del Amor Echebue Nguendje, de Guinea Ecuatorial, actualmente matriculada no Máster en Dirección de Empresas do Campus de Lugo.

As axudas concedidas, para un período total de dez meses, proporciónanlles ás beneficiarias cobertura total dos gastos de matrícula para o presente curso académico, unha asignación mensual de 505€ para gastos de mantenza, aloxamento gratuíto no Sistema Universitario de Residencias da USC, cobertura de gastos de viaxe de ida e volta desde o seu país de orixe e o financiamento de dous cursos semestrais de español ou galego no Centro de Linguas Modernas. Tal e como se fixo constar na solicitude remitida no seu momento ao Consello Social, o financiamento recibido, un total de 10.100€, destinouse a sufragar os gastos de mantenza asignándolle a cada bolseira 5.050€ para a duración completa da bolsa.

Estas bolsas outorgadas facilitaron o acceso a estudos de especialización de mulleres africanas como acicate para a promoción da igualdade e da participación da muller no desenvolvemento económico sostible do seu territorio. O obxectivo final a acadar trala realización destas estadías é o de permitir que as bolseiras volvan aos seus países de orixe cun retorno produtivo a nivel académico, que lles permita un empoderamento efectivo a nivel laboral.

Conferencia
Con posterioridade á sinatura deste acordo, Teresa Fernández de la Vega impartiu no Paraninfo da Universidade, na Facultade de Xeografía e Historia, a conferencia titulada ‘Investigación e ciencia en feminino’.

A sinatura celebroue no Salón Reitoral do Colexio de San Xerome. Foto: Servimav-USC De esquerda a dereita, Miharimanjaka Oceane Rakotondrasolo, Juan Viaño, Teresa Fernández e María del Amor Echbuenguendje. Foto: Servimav-USC Logo da sinatura do convenio, a presidente da Fundación impartiu unha conferencia no Paraninfo da Universidade. Foto: Servimav-USC

Los contenidos de esta página se actualizaron el 11.12.2017.