O Departamento de Enxeñaría Agroforestal e a spin-off HGBeyond Materials Science recibiron os Premios de Transferencia de Tecnoloxía en Galicia
Dúas propostas promovidas por investigadores da USC foron recoñecidas pola Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) e a Axencia Galega de Innovación (GAIN) nos Premios de Transferencia de Tecnoloxía en Galicia 2017. Estes galardóns recoñecen as mellores prácticas de transferencia de coñecemento procedente dos organismos de investigación ao tecido produtivo.
HGBeyond Materials Science foi recoñecida como mellor caso de éxito de transferencia de tecnoloxía en Pemes. Esta é unha spin-off xurdida en 2015 baixo o nome de Lentimed que desenvolve, en colaboración co grupo I+D Farma da USC, hidroxeles para a liberación de substancias activas no organismo. O seu primeiro desenvolvemento é unha lente de contacto capaz de liberar fármacos e outras substancias activas na superficie ocular. O premio ten unha dotación de 12.000 euros.
Na categoría de mellor traballo desenvolvido por un grupo de investigación aplicada resultou premiado o departamento de Enxeñaría Agroforestal da USC en colaboración co enxeñeiro de industrias alimentarias Hiram Varela. O proxecto premiado pon en valor un residuo gandeio, o sangue procedente dos matadoiros, a través da súa transformación en fariña de alta calidade cun amplo abano de usos que van dende a fabricación de pensos para animais, fertilizantes agrícolas e aditivos alimentarios ata cosméticos, pegamentos, extintores antiincendios e emulsións asfálticas. O premio está dotado con 6.000 euros e unha axuda doutros 4.000 euros para a formación dun dos investigadores.
A terceira das modalidades premiados por esta convocatoria foi ao mellor caso de éxito de transferencia de tecnoloxía en grandes empresas, concedido a BorgWarner Emissions Systems Spain en colaboración co grupo de tecnoloxía enerxética de UVigo.
Carmen Álvarez-Lorenzo recolleu o galardón en nome de HGBeyond Materials Science. Foto: RAGC Hiram Varela, co recoñecemento ao mellor traballo desenvolvido por un grupo de investigación aplicada. Foto: RAGC José Manuel Magide Ameijide, do departamento de Enxeñaría Agroforestal. Foto: RAGC