Pasar al contenido principal

Jessica Rodríguez, finalista no recoñecido premio internacional Reaxys

Jessica Rodríguez (Foto: Andrés Ruiz)
Jessica Rodríguez (Foto: Andrés Ruiz)
Realizou o doutoramento no CiQUS da USC baixo a dirección dos profesores José L. Mascareñas e Eugenio Vázquez

A investigadora Jessica Rodríguez Villar, que realizou os seus estudos de doutoramento no CiQUS da USC baixo a dirección dos profesores José L. Mascareñas e Eugenio Vázquez, foi seleccionada entre os 45 xóvenes finalistas do prestixioso premio internacional Reaxys PhD Prize 2017, que recoñece a mellor investigación química que realizan en todo o mundo novos investigadores.

O traballo desta investigadora fora xa previamente recoñecido en 2016 como a Mellor Tese Doutoral en Química Biolóxicapolo Grupo Especializado de Química Biolóxica da Real Sociedad Española de Química. Para Jessica Rodríguez, este recoñecemento “de tanto prestixio internacional e onde compiten investigadores das mellores universidades do mundo” supón “un grande orgullo, ademais dun estímulo para seguir investigando".

A selección dos candidatos baséase na gran calidade das publicacións resultantes da tese doutoral, centrada en gran medida no caso da doutora pola USC no deseño de axentes peptídicos que interaccionan con zonas selectivas do xenoma. Non obstante, para a decisión de seleccionala tívose fundamentalmente en conta un traballo publicado na revista JACS sobre un novo concepto para inducir a internalización celular de miniproteínas e péptidos.

O recoñecemento de Jessica Rodríguez, que dende hai uns meses traballa na Universidade francesa Paul Sabatier-Toulouse III, únese á lista de premios obtidos polos novos investigadores do CiQUS da USC nos últimos anos, destacando a medalla de prata dos European Young Chemistry Award 2012, cinco premios Lilly desde 2012 e varios SusChem.

Reaxys PhD Prize
Máis de 400 institucións académicas de todo o mundo presentan cada ano as súas candidaturas ao Premio Reaxys PhD, que para os seleccionados ten un grande impacto no seu desenvolvemento como científicos, impulsando as súas carreiras e conducindo a novas oportunidades. Nesta oitava edición presentáronse 550 de Universidades como Harvard, Berkeley, MIT, Stanford, Princeton, Cambridge ou Tokyo… Das 45 finalmente seleccionadas, xunto con Jessica unicamente hai outro investigador español, Antonio Bauzá, da Universidade das Illes Balears.

Os finalistas participarán agora no Simposio Reaxys Phd Prize, que se celebrará os días 19 e 20 de outubro en Shanghai e no que explicarán as súas investigacións en sesións orais. Dese cónclave sairán as tres persoas gañadoras.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 01.08.2017.