A Asociación Iberoamericana para a Investigación das Diferenzas Individuais reúnese na USC en setembro
O grupo de investigación UDIPRE da USC que coordina a profesora Estrella Romero organiza o día 29 de setembro en Psicoloxía a VI Xornada da Asociación Iberoamericana para a Investigación das Diferenzas Individuais (AIIDI). O encontro virá precedido dun seminario sobre valoración do risco en xente nova a cargo do profesor da USC José Antonio Gómez Fraguela.
A xornada contempla dúas conferencias, inaugural e de clausura, e sesión de pósters e comunicacións orais organizadas en tres áreas temáticas: personalidade, intelixencia e diferenzas grupais.
A conferencia inicial correrá a cargo do profesor da Universidade de Alabama Randall T. Salekin, autoridade internacional no estudo da psicopatía e a conduta criminal, que falará dos rasgos psicopáticos en nenos. Pola súa banda, a conferencia de peche impartiraa o catedrático da USC Jorge Sobral, cunha longa larga traxectoria de investigación sobre diferenzas individuais na criminalidade e sobre a interacción entre dimensións individuais e sociais no estudo do comportamento humano.
Nas sesión orais trataranse moi variadas cuestións, como a conduta antisocial e a personalidade en adolescentes, o consumo de antidepresivos e a percepción de saúde, a relación entre intelixencia e consumo de alcohol, o medo á morte ou as diferenzas en función do xénero en autoestima e en rasgos de personalidade na adolescencia.