Pasar al contenido principal

A Cátedra do Pan e do Cereal da USC presenta as súas liñas de traballo en certames gastronómicos de Mayorga e Pontevedra

Ángeles Romero, directora da Cátedra do Pan e do Cereal da USC
Ángeles Romero, directora da Cátedra do Pan e do Cereal da USC
Ángeles Romero abre este luns o V Congreso Gastronómico de Mayorga e, pola tarde, guía xunto con técnicos da cátedra un taller na Semana Gastrocultural das Neves

A Cátedra do Pan e do Cereal da USC participa este luns en dous certames gastronómicos que se celebran nas provincias de Valladolid e de Pontevedra baixo os lemas ‘Metidos en fariña’ e ‘Falemos de pan’, respectivamente, e nas que o pan será un dos grandes protagonistas dos diversos faladoiros e talleres prácticos organizados no marco destas xornadas.

A catedrática da área de Tecnoloxía de Alimentos da USC e directora da Cátedra do Pan e do Cereal, Ángeles Romero Rodríguez, abre esta mañá a quenda de relatorios do V Congreso Gastronómico Provincial de Valladolid, que se desenvolve en Mayorga baixo o título ‘Metidos en fariña’. Na súa exposición inaugural, Ángeles Romero ofreceu o relatorio ‘Maridaxe e carta de pans... ficción ou realidade?’, no que explicou algunhas das liñas de traballo nas que se está a avanzar desde a Cátedra do Pan e do Cereal da USC, unha cátedra promovida polo grupo de panaderías Da Cunha, e asentada na sede universitaria luguesa.

Xa en quenda de tarde, a directora da Cátedra do Pan e do Cereal da USC intervirá tamén no concello pontevedrés de As Neves na primeira sesión de relatorios programada no marco da V Semana Gastrocultural, un foro a través do que se pretende poñer en valor o pan como produto esencial da alimentación e elemento singular da cultura gastronómica galega.

A directora da Cátedra do Pan e do Cereal da USC aproveitará súa participación na V Semana Gastrocultural ‘Falemos de pan’ para presentar a cátedra universitaria que dirixe e os seus cometidos nos ámbitos da investigación, formación e transferencia ao sector. Romero estará acompañada durante a súa participación neste foro do graduado en Nutrición Humana e Dietética Ricardo Estévez López, quen disertará sobre o valor nutricional do pan.

A caracterización organoléptica e a maridaxe do pan centrará a intervención da tecnóloga de alimentos Belén García Gómez. Ao seu remate, o enxeñeiro agrónomo do Grupo Da Cunha, Fernando Almeida, falará sobre o cultivo do trigo galego. A quenda de intervencións chegará ao seu remate da man de Alicia Benade, xerente dunha empresa dedicada ao cultivo da variedade de trigo callobre.

A V Semana Gastrocultural ‘Falemos de Pan’ continuará o martes con novos faladoiros, nos que distintos relatores abordarán cuestións relativas ao pan de millo, a broa portuguesa, a pegada do millo na cultura galega, así como sobre as semellanzas e diferenzas entre os pans galegos e alemáns. A sesión de tarde estará centrada na análise das particularidades dalgunha das clases de pan comercializadas en Galicia e que reciben o nome da súa localización xeográfica, tal e como pode ser o caso de pan de Cea, pan de Porriño, pan de Moa, pan de Fisterra, A Bulanxeri, de Santiago, e, entre outros, o laboratorio pontevedrés Amásame Bakery.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 18.02.2019.