A profesora Ana Isabel Silveira Rodríguez tomou posesión do seu cargo como decana de Enfermaría
A profesora Ana Isabel Silveira Rodríguez tomou posesión formal este xoves 28 do seu cargo como decana da Facultade de Enfermaría nunha sesión protocolaria celebrada no Salón de Graos do Colexio de San Xerome que presidiu o reitor Juan Viaño. Elixida o pasado mes de febreiro, Silveira Rodríguez pertence á primeira promoción da diplomatura en Enfermaría da USC, estudos quen ampliou con formación de posgrao en Atención Sanitaria, Xestión e Coidados. No ámbito da xestión foi responsable académica de Mobilidade da Facultade dende 2000, ademais de ter sido subdirectora da Escola de Enfermaría compostelá entre 2008 e 2012 e vicedecana do mesmo centro entre 2012 e 2014. Ademais foi coordinadora da Comisión de redacción do Grao de Enfermaría.
Os obxectivos que a nova decana afrontará durante o seu mandato apuntan a cuestións relacionadas coas infraestruturas da Facultade, o proceso docente, a internacionalización e a implicación da comunidade universitaria do centro. Neste senso, Ana Isabel Silveira inclúe entre os seus principais retos un novo edificio para a Facultade axustado ás necesidades docentes da titulación, e no plano docente traballar no deseño de “propostas para manter a calidade da docencia sen diminuír a oferta, implicando para isto a todo o profesorado”.
No plano da internacionalización a decana aspira a impulsar os programas de mobilidade promovendo vínculos institucionais con universidades nacionais e estranxeiras de recoñecido prestixio académico e internacional. Ademais aspira a fomentar e promover a participación do colectivo estudantil así como do persoal de administración e servizos na vida universitaria e na toma de decisións da Facultade, respectivamente.
A nova decana considera “fundamental” o compoñente humano da Facultade e avoga “firmemente polo traballo en equipo”, porque como engadiu “son as persoas que están detrás das institucións as que coa súa ilusión fan posible o noso labor”. Para os próximos anos, a decana deseñou un equipo multidisciplinar do que forman parte Silvia Novío Mallón como vicedecana de Internacionalización e Estudantes; Marcos Rodríguez González como vicedecano de Calidade; e Elena López Martín como secretaria.
En resposta á decana, o reitor Juan Viaño recoñeceu “o alto valor para a calidade de vida de todos os cidadáns” da disciplina universitaria da Enfermaría, da que destacou a súa elevada demanda e alto prestixio “dentro e fóra das nosas fronteiras”. Na súa opinión, “é un dos exemplos máis recorrentes que se utiliza para falar da calidade dos profesionais formados en España. Viaño mostrou a súa honra pola Facultade compostelá, un centro “punteiro en Galicia e en España que forma cada ano a preto de 700 profesionais”.
Sobre o futuro edificio que albergará este estudos, o reitor recoñeceu a necesidade de mellorar a infraestrutura actual para “seguir mantendo este nivel de calidade tanto na docencia como na investigación. Estamos ante un centro que atende a máis de mil persoas cada día e que merece que deamos un paso máis na evolución que esixen os novos tempos”. En relación ao futuro complexo docente que albergará os estudos no ámbitos das Ciencias da Saúde, Juan Viaño afirmou que “ non se trata de cambiar paredes senón de manter a fórmula da formación e investigación que tantos éxitos nos trouxo nestes anos”. O novo complexo debe ser sinónimo de “consolidación dun modelo formativo, capaz de crear os mellores profesionais da atención sanitaria” e de “apostar por un proxecto de futuro no que os docentes, estudantes, persoal de administración e servizos e toda a comunidade universitaria debemos crer firmemente”.
O reitor, no centro da imaxe, rodeado polo novo equipo decanal da Facultade de Enfermaría. Foto: Santi Alvite A xornada celebrouse no Salón de Graos de San Xerome coa asistencia dunha numerosa representación da Facultade. Foto: Santi Alvite