Pasar al contenido principal

Investigadores da USC profundan nunhas xornadas sobre o valor paisaxístico e parimonial das montañas de Trevinca

Investigadores da USC profundan nunhas xornadas sobre o valor paisaxístico e parimonial das montañas de Trevinca
Investigadores da USC profundan nunhas xornadas sobre o valor paisaxístico e parimonial das montañas de Trevinca

As Montañas de Trevinca constitúen as terras máis altas de Galicia, co seu teito nos 2.127 metros. Ofrecen, polo tanto, unhas paisaxes singulares no conxunto do país que se individualizan ante todo polo seu carácter alpino. A súa identidade maniféstase na potencia do modelado herdado de períodos glaciares anteriores, na presenza de vexetación boreoalpina, na relevancia histórica da gandaría transhumante ou no intenso desenvolvemento do montañismo e dos deportes de inverno ao longo do século XX. Mais pese á súa singulariedade trátase dun ámbito escasamente estudado e coñecido.

Por esta razón, os profesores Valerià Paül e Juan M. Trillo, do Departamento de Xeografía e do Grupo de Investigación de Análise Territorial (ANTE) da USC, organizaron a pasada semana no concello da Veiga unhas xornadas nas que pretenderon espallar os avances investigadores recentes sobre esta zona, tanto ao público en xeral, nomeadamente os habitantes da zona, como a persoas especializadas. O evento, que contou con máis de corenta participantes, inaugurárono, entre outras, a directora da Axencia de Turismo de Galicia, Nava Castro; o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; e o alcalde do Concello da Veiga, Juan Anta.

Nas xornadas presentáronse as pescudas dun proxecto sobre paisaxes patrimoniais financiado polo Ministerio de Economía e Competitividade e levado a cabo por un equipo das universidades de Santiago de Compostela e de Barcelona. Ademais, achegáronse coñecementos relevantes para a activación turística da área a partir do respecto polo seu patrimonio; un debate sobre o porvir turístico da zona particularmente intenso.

O evento serviu ademais para que o profesorado tome consciencia da importancia das Montañas de Trevinca e formule estratexias específicas de traballo das súas paisaxes nas aulas de ciencias sociais e naturais. Neste senso, as sesións remataron cun obradoiro aplicado interactivo sobre didáctica da paisaxe artellado co Proxecto TERRA.

Os principais resultados presentados no encontro publicaranse como capítulo de libro nun volume coral editado polo Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente no que aparecerán unha escolma de paisaxes patrimoniais significativas do territorio español. Asemade, prevese editar ao longo deste ano un libro monográfico por parte do Grupo ANTE da USC sobre as Montañas de Trevinca, coordinado e editado polo profesor Valerià Paül.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 28.01.2016.