Pasar al contenido principal

“A USC precisa de loxística e administración eficiente”, di Viaño, para quen “non son tempos de vivir do ‘glamour’ nin da historia”

O reitor Juan Viaño, no centro, preside o acto académico de San Tomé na Facultade de Ciencias de Lugo
O reitor Juan Viaño, no centro, preside o acto académico de San Tomé na Facultade de Ciencias de Lugo
O reitor da USC preside o acto académico da festividade de San Tomé, que, entre outras autoridades, citou na Facultade de Ciencias de Lugo o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación...

O reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Juan Manuel Viaño Rey, presidiu este venres o acto académico de San Tomé, patrón da Universidade, na Facultade de Ciencias do campus de Lugo, onde comezou o seu discurso ante as distintas autoridades presentes, entre as que estaba o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, cun breve balance do traballo feito e do grao de cumprimento dos compromisos adquiridos polo equipo de goberno da USC ante a comunidade universitaria hai ano e medio. “O ano 2015 foi o de definir as estratexias pero agora chega o momento da loxística, o de realizar todo o necesario para lograr que a nosa universidade siga a ser o referente para máis de 24.000 familias que depositan en nós o futuro dos seus fillos e das súas fillas”, sinalou o reitor. Logo de recuperar para a actualidade a frase escrita por Napoleón trala derrota final da frustrada conquista de Rusia “os afeccionados estudan táctica, os profesionais estudan loxística”, unha aseveración tamén empregada no seu día polo magnate estadounidense Rockefeller, o reitor da USC apelou a administrar coa máxima eficiencia os recursos dispoñibles para seguir avanzando na senda da calidade na docencia e na investigación e comezar a construír así a Universidade do século XXI. No 2015 traballamos para mellorar as fontes de financiamento da USC, tanto o procedente da administración pública, como o derivado da captación de estudantes e tamén dos recursos de I+D+i, a fin de poñer fin a unha situación de déficit constante que superaba os 14 millóns de euros e erradicar así o déficit anual que arrastraba a institución académica a unha situación extrema, explicou o reitor. O incremento en preto de 20 millóns de orzamento público para a USC e o aumento dun 2% na captación de novos estudantes son dous dos logros esgrimidos por Juan Viaño, para quen “o campus de Lugo é un claro exemplo desta nova situación, aínda que non é suficiente”, dixo, para logo engadir que “xa chegou o momento de aplicar a loxística a un modelo do que estamos plenamente convencidos”. Constituído o Campus Terra, un modelo de especialización que aspira á excelencia internacional, falta agora conseguir os mellores profesores e as mellores instalacións para aqueles estudantes queiran dedicar o seu talento a mellorar os nosos alimentos, a nosa paisaxe, os nosos animais, as nosas árbores, as nosas hortas, a nosa saúde e a nosa calidade de vida... “Queremos que o campus de Lugo sexa a referencia do sur de Europa para as ciencias do agro e dos animais e iso só se consigue con talento, con esforzo e por suposto, con cartos”, asevera. “A mellor investigación, e polo tanto a mellor docencia, debe ser relevante, aplicable e accesible”, dixo Viaño, quen logo de asumir este modelo como guión da actividade da USC, advertiu de que non se pode confundir relevante con masivo. Daquela, “seríamos cínicos se pensaramos que unha titulación deixa de ser necesaria só polo seu número de estudantes sen ter en conta a súa relevancia, a súa aplicabilidade e a súa accesibilidade”, sinala. Convencido de que cómpre axeitar o mellor posible os recursos dispoñibles aos intereses da cidadanía, o reitor salientou que a USC, como universidade pública que é debe ir un paso por diante para aportar solucións á sociedade. “Xa non son tempos de vivir do ‘glamour’ nin da historia”, afirmou Viaño, para logo reiterar en presenza do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, que “as universidades non podemos aceptar modelos de financiamento público baseados en estruturas centenarias, senón que temos que pedir alto e claro un modelo que permita medrar a partir dos bos resultados obtidos cada ano”. O reitor da USC apelou non obstante á responsabilidade universitaria para evitar “decisións desacertadas ou esaxeradas que provoquen catástrofes dentro duns anos”. Viaño incluíu nesta dinámica o proceso aberto para reducir os 76 departamentos que ten a USC na actualidade. “A burocracia tende a ser o inimigo da eficacia”, dixo Viaño, para logo insistir na pertinencia de avanzar na eficacia e na axilidade da xestión para así consolidar a USC como unha institución de prestixio capaz de mesturar a mellor investigación, coa mellor docencia e cos mellores servizos á comunidade universitaria e á sociedade en xeral. Lección maxistral O catedrático do Departamento de Física Aplicada da USC Eugenio A. Rodríguez Núñez foi o encargado de ofrecer a lección maxistral da cerimonia académica de San Tomé de Aquino, unha intervención que se desenvolveu baixo o título ‘O 'Acordo de París', un novo pulo á enerxía renovable'. “Dende a Revolución Industrial de finais do século XIX, van en aumento as emisións de gases de efecto invernadoiro, principais responsables do quecemento global que se está dando no noso planeta Terra. Esta situación, coñecida dende fai anos como puxo de manifesto a Convención das Nacións Unidas sobre o Cambio Climático de 1992, é moi preocupante”, lembrou o profesor Rodríguez Núñez, para logo precisar que aínda que as diferentes actuacións previstas nos distintos acordos internacionais na loita contra o cambio climático se desenvolven con máis lentitude da desexable, “ o importante é manter o rumbo e non deterse”. O 12 de decembro pasado, ó remate da XXI Conferencia Internacional sobre Cambio Climático das Nacións Unidas, produciuse un fito histórico coa aprobación do chamado “Acordo de París”, que entrará en vigor en 2020, e que implica un compromiso climático e denota unha conciencia a nivel mundial do perigo que corre o noso planeta se non se fai nada por evitalo. O obxectivo fundamental é manter o aumento da temperatura media mundial moi por baixo de 2 ºC con respecto aos niveis preindustriais, ademais de esforzarse por limitar o aumento da temperatura a 1,5 ºC, concretou Rodríguez Núñez, para quen a clave do éxito deste acordo pasa por chegar a un equilibrio entre a emisión e captura de gases de efecto invernadoiro. O aumento das capturas e da almacenaxe de CO2, as actuacións en aforro e eficiencia enerxética e o imprescindible desenvolvemento e implantación de ide fontes de enerxía renovable son, na opinión deste catedrático de Física Aplicada tres das premisas a seguir na loita contra o quecemento global da Terra. Unha vez rematada a intervención do profesor Rodríguez Núñez e logo do discurso do reitor da USC e das distintas intervencións do coro Solo Voces, o propio Juan Viaño pechou o acto académico de San Tomé, unha cerimonia que tradicionalmente a USC conmemora no campus de Lugo e que nesta ocasión citou na Facultade de Ciencias unha nutrida representación de autoridades dos ámbitos político, académico, científico, cultural e social, entre os que se atopaban a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, o director da Real Academia Española (RAE), Darío Villanueva, e a Valedora do Pobo, Milagros Otero. Autoridades e demais asistentes ao acto académico O reitor, entre o conselleiro Román Rodríguez e o vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno, na mesa presidencial xunto cos vicerreitores José Pereira, Luis Lima, Dolores Álvarez e Almudena Hospido O catedrático Rodríguez Núñez, na súa intervención como relator da lección maxistral

Los contenidos de esta página se actualizaron el 29.01.2016.