Unha investigación da USC avanza no control e na prevención dun dos parasitos máis letais para as ameixas
A tese ‘Modulación da expresión xenética na ameixa de Manila (Ruditapes philippinarum) e do parasito de moluscos (Perkinsus olseni) a través da relación en vivo anfitrión parasito e en interaccións in vitro’, que vén de presentar na Facultade de Veterinaria do Campus terra da USC Abul Farah Md. Hasanuzzaman, da Khulna University de Bangladesh, trata de responder a algúns dos principais interrogantes que existen sobre a perkinose, unha enfermidade provocada polo parasito Perkinsus olseni e que está a pór en risco a produción da ameixa xaponesa (Ruditapes philippinarum), un dos principais contribuíntes á produción mundial de bivalvo e unha das especies de moluscos con maior nivel de produción en Galicia e en España.
A comprensión dos mecanismos moleculares que están detrás desta enfermidade é un requisito esencial para desenvolver estratexias que permitan o seu control. Daquela, a investigación desenvolvida no Departamento de Xenética da USC por Abul Farah Md. Hasanuzzaman baixo a dirección de Paulino Martínez e Belén Gómez, pretende achegar luz sobre a caracterización da expresión dos xenes dos hemocitos, células responsables da defensa da ameixa, despois de infeccións no medio natural e experimentais con diferentes formas infecciosas do parasito.
No marco desta investigación estudáronse os mecanismos xenéticos empregados polo citado parasito para superar as defensas inmunitarias da ameixa. Asemade, a análise integrada da interacción parasito-ameixa permitiu coñecer as causas da etioloxía e progreso da enfermidade, elementos que fornecen información clave para poder desenvolver estratexias de prevención, control e selección de estirpes resistentes a esta parasitose, que depara consecuencias letais para a ameixa.
Tribunal de tese
O tribunal encargado de avaliar a tese estivo presidido por Antonio Villalba García, do Centro de Investigacións Mariñas dependente da Consellería do Mar da Xunta de Galicia. O profesor de Xenética da Universidade de Vigo Ángel Eduardo Pérez Diz e a profesora titular do Departamento de Xenética da USC, Carmen Bouza Fernández, completaron a relación de membros do tribunal, que acordou concederlle a máxima cualificación académica a Hasanuzzaman, un investigador procedente de Bangladesh que recalou na USC a través do programa Erasmus Mundus.
O novo doutor cos directores da tese e os membros do tribunal avaliador